- Tematica
Co obxectivo de introducir posibles melloras na programación que organiza a Concellaría de Cultura, unha nova enquisa interpela á veciñanza sobre a valoración da organización dos eventos de artes escénicas. Ademais, a enquisa deixa aberta a opción de facer algún comentario adicional ou algunha suxestión que axude a mellorar dita programación. A enquisa publicouse hoxe na web municipal e estará aberta durante varias semanas. Para participar na enquisa podes premer nesta ligazón. Habilitouse un banner na cabeceira da páxina web que estará dispoñible mentres a enquisa estea activa.
Para coñecer o perfil da persoa que responde á enquisa, pregúntase que idade ten e a que localidade pertence. Tras isto, dez cuestións forman a enquisa.
A primeira pregunta refírese ao horario dos eventos infantís. Concretamente, se se está de acordo con que a programación dirixida a público infantil sexa os venres ás 18:00 horas. No caso de que se prefira outra opción, a enquisa permite especificar que día e a que hora. A seguinte cuestión trata sobre o mesmo, pero referente á programación adulta. É dicir, se o público considera adecuado que este tipo de espectáculos sexan os venres e en que horario.
A seguinte pregunta pretende coñecer a través de que medios, os veciños e veciñas de Ames, se informan da programación de artes escénicas que programa a Concellaría de Cultura. Permítese escoller varias opción entre a billeteira electrónica, carteis, folletos, correo electrónico, por medio de familiares ou amigos ou doutros xeitos. Tamén se interpela sobre cal e o método que se soe empregar para adquirir os convites, se a billeteira electrónica ou a venda na taquilla nas Casas da Cultura.
As catro últimas preguntas permiten coñecer a valoración do/a enquisado/a sobre a programación cultural. Con dúas destas cuestións, preténdese coñecer como de satisfeita están as persoas coas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. Para iso, a persoa deberá marca unha das opcións de “Moi ben, Bastante ben, Ben, Bastante mal, Mal ou Moi mal” sobre os servizos de atención telefónica, atención do persoal na taquilla, atención do persoal na sala, confortabilidade na sala ou sobre a adaptacións das medidas COVID-19.
Para finalizar, a enquisa solicítaselle ao usuario/a que indique o grao de satisfacción xeral coa programación de artes escénicas que organiza a Concellaría de Cultura do Concello de Ames. Ademais, a enquisa deixa aberta a opción de facer algún comentario adicional ou algunha suxestión que axude a mellorar dita programación.
A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “dende o departamento de Cultura queremos darlle a oportunidade á veciñanza para introducir melloras na organización da programación municipal de artes escénicas. Queremos coñecer a opinión sobre os horarios que se están programando os diferentes espectáculos, así como outras cuestións sobre a publicidade e difusión de dita programación. O obxectivo é mellorar no que se poida dita programación. As actividades de artes escénicas están dirixidas á veciñanza de Ames, polo que nos parece fundamental que opinen sobre elo”.