Solapas principales

A Concellaría de Mocidade abre a inscrición nunha nova edición do curso de monitor de tempo libre

Lunes, 20 de noviembre de 2023

O Concello de Ames, a través do seu departamento de Xuventude, organiza unha nova edición do curso de monitor de tempo libre. As clases, impartidas pola ETL Aventeira Escola, terán lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e desenvolveranse ao longo dos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril durante as fins de semana, en horario de 9:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:30 horas. Cun prezo de 172 euros, este curso está dirixido a mozos/as maiores de 18 anos que sexan técnicos auxiliares en formación profesional ou que conten co graduado en educación secundaria ou equivalente. Ofértanse un total de 25 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Pódense consultar as bases da convocatoria e o calendario de clases premendo nesta ligazón. O formulario de inscrición pódese descargar premendo aquí.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, explica que “con esta iniciativa a Concellería de Mocidade facilita que aqueles mozos e mozas que o desexen poidan obter o título de monitor/a de tempo libre, unha formación moi útil que pode abrir numerosas portas no mercado laboral. Ademais, capacita para programar e pór en marcha diversas actividades socioculturais e de ocio orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores ou a persoas con necesidades especiais”. Os contidos impartidos permitirán non só recibir formación en educación emocional, comunicación non violenta ou en xénero e igualdade, senón tamén obter o certificado de manipulador de alimentos.

O curso ten unha duración total de 350 horas, e consta de dúas partes. En primeiro lugar ofrecerase unha formación teórico-práctica de 200 horas para, a continuación, pasar a un segundo bloque integramente práctico de 150 horas. A primeira parte desenvolverase durante as fins de semana, en horario de 9:00 a 14:00h e de 15:30 a 20:30 horas. Neste primeiro bloque o alumnado deberá asistir obrigatoriamente ao 80% das sesións e, no caso de non facelo, perderá o dereito a ser avaliado pola escola de tempo libre. Os criterios empregados para puntuar aos inscritos no curso neste bloque teórico-práctico serán a actitude, o grao de implicación e interese, a capacidade de reflexión, o pensamento crítico, a perspectiva educativa e o traballo individual e personalizado.

150 horas de prácticas
En segundo lugar, o último bloque, de 150 horas de duración, responderá a un proxecto elaborado integramente polo alumando. Para a súa realización existen dúas modalidades: 14 días nunha actividade de tempo libre (en colonias, campamentos, albergues... ou en iniciativas semellantes, sempre en períodos non inferiores a 3 días); ou 150 horas de actividade nunha entidade ou asociación que realice traballos relacionados co tempo libre.

Unha vez finalice a fase teórica o alumnado ten dous anos para realizar a parte práctica, e contará cun titor ou titora designado pola entidade receptora que se fará responsable das súas prácticas.

Neste segundo bloque práctico todos os participantes terán que entregar un breve proxecto de prácticas coa programación que deseñen antes de comezalas. Do mesmo xeito, unha vez rematadas as 150 horas, deberán presentar unha memoria de elaboración propia e individual que sintetice a súa experiencia nas distintas actividades realizadas (valoracións xerais e particulares, memoria fotográfica...). Esta memoria terá que entregarse acompañada dun informe do titor ou titora de prácticas no que se confirme que o proxecto se realizou satisfactoriamente.

Unha vez que se completen as dúas fases o alumnado poderá solicitar á Xunta de Galicia o título oficial, previo pago das taxas de expedición.

Prazo de inscrición e pagamento
O prazo para a presentación de solicitudes comeza o 20 de novembro e remata o 20 de decembro. As prazas do curso son limitadas (deberán inscribirse un mínimo de 15 participantes para a realización do curso, ata un máximo de 25) e asignaranse por rigorosa orde de inscrición no rexistro municipal. Os/as mozos/as interesados/as terán que presentar a ficha de inscrición (dispoñible nesta ligazón) debidamente cumprimentada, xunto cunha fotocopia do DNI e unha fotocopia da súa titulación académica (como mínimo, deberase estar graduado/a en EXB, FP, ESO ou equivalente).

Aqueles/as que obteñan praza recibirán un correo electrónico cunha folla de autoliquidación para aboar o pagamento do curso. O custe total é de 172 euros, unha contía que deberá ser aboada entre o 2 e o 8 de xaneiro de 2024.

Cartel do curso de monitor de tempo libre

Multimedia

  • Cartel do curso de monitor de tempo libre