Solapas principales

A Concellaría de Xuventude organiza unha nova edición do curso de monitores de tempo libre

Viernes, 10 de febrero de 2023

O Concello de Ames, a través do departamento de Xuventude, organiza unha nova edición do curso de monitores de tempo libre. As clases, que se impartirán no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns, desenvolveranse ao longo dos meses de marzo, abril e maio, durante as fins de semana e os días festivos, e en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. O curso, que ten un prezo de 172 euros, está dirixido a mozos/as maiores de 18 anos que conten co graduado en educación secundaria ou equivalente, ou ben que sexan técnicos auxiliares en formación profesional. Ofértanse 25 prazas, que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. As bases ao completo e o calendario de clases pódense consultar premendo nesta ligazón. A ficha de inscrición pódese descargar premendo aquí. 

A Concellaría de Xuventude facilita así que todos os mozos e mozas amesáns que o desexen poidan obter o título de monitor/a de tempo libre, que é unha formación útil e que abre numerosas portas de cara á inserción laboral. Ademais, capacita para deseñar, programar e pór en práctica distintas actividades socioculturais e de ocio orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. Os contidos que se imparten abarcan áreas como a psicoloxía, as dinámicas de grupo, os xogos no tempo libre, a expresión, a educación ambiental, a saúde, a lexislación...

O curso ten unha duración de 350 horas, e consta de dúas partes. Por unha banda, ofrecerase unha formación de carácter teórico-práctica de 200 horas, mentres que o segundo bloque, de 150 horas, é integramente práctico. A primeira parte desenvolverase, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, durante as fins de semana. Neste bloque, o alumnado deberá asistir obrigatoriamente a un 80% das sesións. De non facelo, perderá o dereito a ser avaliado pola escola de tempo libre. Os criterios que serán valorados para puntuar aos participantes do curso na parte teórico-práctica son os seguintes: actitude, grao de implicación e interese, capacidade de reflexión, pensamento crítico e perspectiva educativa e traballo personalizado e individual.

150 horas de práctica
Por outra banda, o segundo bloque, dunha duración de 150 horas, responderá a un proxecto elaborado polo alumnado. Existen dúas modalidades de realización: 14 días nunha actividade de tempo libre (en campamentos, colonias, albergues, campos de traballo... así como noutras iniciativas, sempre en períodos non inferiores a tres días); ou ben en 150 horas de actividade nunha entidade ou asociación que traballe áreas que teñan relación co tempo libre.

Unha vez rematada a fase teórica, o alumnado ten dous anos para levar a cabo a parte práctica, e estará sempre acompañado por un titor ou titora que se fará responsable das súas prácticas, e que estará designado pola entidade receptora.

Neste bloque práctico, todos os alumnos e alumnas deberán entregar un breve proxecto de prácticas coa programación que deseñen (antes de comezar a realizalas). Así mesmo, unha vez rematen as 150 horas, deberán presentar unha memoria de elaboración propia e individual, que conteña unha síntese da súa experiencia nas distintas actividades realizadas (valoracións xerais e particulares, memoria fotográfica...). O titor ou titora de prácticas tamén terá que emitir un informe no que se confirme que o proxecto foi realizado de maneira satisfactoria.

Unha vez rematadas a fase teórico-práctica e o bloque integramente práctico, o alumnado poderá solicitar á Xunta de Galicia o seu título oficial, previo pago das taxas de expedición.

Inscricións e pagamento
As prazas do curso son limitadas (deberá haber un mínimo de 15 participantes e un máximo de 25), e asignaranse por rigorosa orde de inscrición no rexistro municipal. Os/as mozos/as interesados/as deberán presentar a ficha de inscrición que se pode atopar premendo nesta ligazón debidamente cumprimentada, unha fotocopia do DNI e unha fotocopia da súa titulación académica (como mínimo deberase estar graduado/a en EXB, FP, ESO ou equivalentes). O prazo de presentación de solicitudes comprende dende o día 15 ata o 21 de febreiro.

Todos aqueles/as que obteñan praza recibirán por correo electrónico unha folla de autoliquidación para aboar o pagamento do curso. O custe total é de 172 euros, que se poden pagar integramente (do 24 ao 28 de febreiro) ou ben en dous prazos: 100 euros do 24 ao 28 de febreiro e outros 72 euros do 1 ao 5 de marzo.

Cartaz do curso de monitores/as de tempo libre

Multimedia

  • A Concellaría de Xuventude organiza unha nova edición do curso de monitores de tempo libre