Solapas principales

As concelleiras da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo, e de Noia, Sandra González, interésanse polo plan de prevención de incendios forestais de Ames

Viernes, 18 de noviembre de 2022

A concelleira de Cultura, Sanidade e Relacións Institucionais do Concello da Pobra do Caramiñal, Patria Lojo Nine, e maila concelleira de Noia e deputada provincial adscrita ás áreas de Mocidade e Educación, Sandra González Castro, visitaron o Concello de Ames para interesarse polo plan de prevención de incendios forestais que o Goberno municipal amesán puxo en marcha en 2016. Ademais, visitaron o centro de saúde do Milladoiro para coñecer un ambulatorio de recente construción, xa que na Pobra do Caramiñal solicitaron a mellora do seu dispensario e en Noia vai a Xunta de Galicia a construír un novo centro médico.

O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e á técnica do departamento de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, mantiveron un encontro a semana pasada coa concelleira de Cultura, Sanidade e Relacións Institucionais do Concello da Pobra do Caramiñal, Patria Lojo Nine, e maila concelleira de Noia e deputada provincial adscrita ás áreas de Mocidade e Educación, Sandra González Castro.

A visita das dúas concelleiras foi para coñecer o plan de prevención de incendios forestais que o Goberno municipal amesán puxo en marcha en 2016. Deste xeito, visitaron as franxas de protección e explicóuselle o plan de prevención de incendios forestais amesán, o cal tiñan interese en coñecer pola vaga de incendios do pasado verán  que afectou ao Barbanza, e en especial A Pobra do Caramiñal. O alcalde, o concelleiro de Transición Ecolóxica e maila técnica de Medio Ambiente explicáronlle o que se fixo neste eido e entregóuselle un dossier cos datos dos sete anos que leva funcionando dito plan.

O Concello de Ames puxo en marcha en 2016 un plan de prevención e defensa contra lumes forestais baseado na repoboación de faixas secundarias con árbores frondosas caducifolias como castiñeiros, freixos, abeleiras, cerdeiras, pradarías, bidueiros, noceiras, ameneiros, mazanceiras, pereiras ou roble americano. Deste xeito, o Concello busca, ademais de afastar posibles incendios dos núcleos de poboación, recuperar a calidade do solo e aminorar a perda de biodiversidade, ocasionada pola tala masiva nestes espazos de contención. Dende a súa posta en funcionamento actuouse en cinco parroquias plantando 5.111 árbores en 20 hectáreas de monte grazas á colaboración de máis de 100 propietarios/as que se adheriron ao plan.

O Concello de Ames prioriza o fomento de plantación de frondosas caducifolias en aquelas parcelas tipificadas como de risco alto ou moi alto. Concretamente definíronse 59 ámbitos de actuación para levar a cabo este plan de prevención. Este Plan municipal foi medrando grazas a concienciación da veciñanza e a súa participación. Lévase a cabo a través dun sistema mediante o que se subvenciona por parte do Concello de Ames o 80% dos gastos xerados pola plantación de frondosas caducifolias. Os propietarios/as das faixas teñen que achegar o 20% restante.

Visita ao centro de saúde do Milladoiro
Ademais, visitaron o centro de saúde do Milladoiro onde foron recibidos pola coordinadora do dispensario, Magdalena Seco, que lles explicou o funcionamento de dito centro. Tanto Patricia Lojo como  Sandra González tiñan interese en coñecer un ambulatorio de recente construción, xa que na Pobra do Caramiñal solicitaron a mellora do seu dispensario e en Noia vai a Xunta de Galicia a construír un novo centro médico.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “para o Concello de Ames é unha satisfacción que outros Concellos se fixen e se interesen polas políticas que desenvolvemos en Ames, as cales queremos poñen en común e compartir con outros municipios, algunhas delas xa contrastadas, como son o plan de prevención de incendios forestais, os servizos de conciliación, programas de promoción da saúde como Ames Saudable, etc”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Noia e A Pobra aprenden das franxas antilume e do novo dispensario amesán"

Visita de Patria Lojo Nine e Sandra González

Multimedia

  • Visita de Patria Lojo Nine e Sandra González
  • Visita de Patria Lojo Nine e Sandra González