Solapas principales

As concelleiras de Igualdade e Economía reúnense coa veciñanza de Biduído para ultimar os preparativos do proxecto: “Terra de mulleres: as voces dos valos”

Miércoles, 20 de octubre de 2021

Durante quince días, as artistas arxentinas Natalia Andreoli e Lina Casteláns, que compoñen o Dúo Amazonas, coordinadas por 7H Cooperativa Cultural, reflectirán en 2 murais os oficios das mulleres de agora e de sempre. A iniciativa forma parte do proxecto “Terra de mulleres: as voces dos valos”, nado da suxestión que as xentes do rural fixeron para os orzamentos participativos 2020. Os murais realizaranse en diversas localizacións da parroquia de Biduído, logo de que a propia veciñanza aportase fotografías e lembranzas para inspiralos. As concelleiras de Igualdade e Benestar Social, Luísa Feijóo, e Economía e Facenda, Gemma Otero, ademais das representantes de 7H Cooperativa Cultural e as pintoras que se encargarán da realización das obras, reuníronse coa veciñanza de Biduído no Local Social da parroquia, ás portas de que o proxecto comece a materializarse.

A fachada do Guaraní, os valos dun garaxe e un muro da zona, converteranse no espello no que as xentes do rural de Ames vexan reflectida a súa vida e a vida das mulleres que lles precederon. Moitos dos rostros que pintan as artistas Natalia e Lina agochan nomes propios e historias particulares: a señora Carmen, a señora Obdulia e a señora Manuela, leiteiras de Casanova, Biduído e Raíces; a señora Aurora da Fieira, xornaleira da que dicían traballaba tanto que “non tiña dor do corpo”; as greleiras Manuela de Salvador e a señora Vítoria da Firma; a señora Pura de Franqueiro que marchou a París e os cartos que gañou tivo que entregalos ao pai porque era muller e non podía ter patrimonio; a lavandeira Concha de Villaverde que tamén traballaba nas casas; as asistentas Manuelita de Perol, Carmen de Dora, Lourdes de Candito, Manola Corral e Lola de Salteiro que atoparon na urbanización das Mimosas un xeito de saír a traballar fora e contribuír á economía familiar. A señora María de Salvador, pandereiteira,  protagoniza o mural de gran formato da fachada do Bar Guaraní que comezará a pintarse esta semana.

Reunión coa veciñanza
A Asociación de veciños e veciñas O Reguiño colaborou na recollida de material previa á elaboración do proxecto. A veciñanza aportou fotografías e lembranzas que inspirarán as obras. Ao redor de 30 deles e delas mantiveron recentemente unha reunión coas concelleira de Economía e Facenda, Gemma Otero, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, a responsable de 7H Cooperativa Cultural, Clara Cordeiro, e as dúas artistas que pintarán os murais. Tamén acudiron á reunión, o presidente da asociación de Tarrío, acompañado dalgunhas veciñas, e o presidente da Asociación de Parabén. Na xuntanza, os veciños e as veciñas puxeron en común as historias da súa mocidade e as que escoitaron dos tempos nos que os mozos e mozas eran seus pais e as súas avoas.

“Escoitar estas historias é toda unha lección de vida - manifesta a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo- todas estas mulleres teñen en común que souberon saír adiante nunha época nas que as normas sociais non eran iguais para todo o mundo e menos para elas”. Feijóo amosase ademais moi satisfeita pola elección dun proxecto que vai levar arte e historia ao rural: “creo que é un paso adiante que o rural acolla proxectos coma este que de entrada pensaríamos máis para zonas urbanas”. A concelleira agradece a colaboración dos veciños e das veciñas “que desde o primeiro momento se implicaron moitísimo e puxeron ao servizo da obra os seus albumes de fotos e as súas lembranzas” e gaba que o proxecto supoña “a visibilización da forza das mulleres do rural triplemente discriminadas e a idea de que sin mulleres non hai rural nin futuro”.

Pola súa banda, a concelleira de Economía e Facenda, responsable dos Orzamentos Participativos nos que se sustenta o proxecto, lembra a orixe do mesmo: "O son dos valos é unha iniciativa enmarcada dentro da Área da Muller nos Orzamentos Participativos. Esta actuación, seleccionada pola veciñanza quere poñer en valor o traballo desenvolvido polas mulleres do rural e trasladar a arte urbana ao rural inmortalizando imaxes e recordos dos oficios e traballos das xentes do rural”. Otero manifesta asemade que : “foi un pracer escoitar as historias vividas e os costumes compartidos. Agradecer a labor e participación nestas iniciativas da veciñanza e das asociacións do rural."

Durante quince días as artistas traballarán nos murais. Tras elas está 7H Cooperativa Cultural que xa ten coordinado outros proxectos no concello como o Delas Fest a través dos que se pintaron murais de corte feminista nas fachadas da Casa de Cultura de Milladoiro, na casa Barbanzán ou mesmo nos valos da Praza de Correos e do Paseo Fluvial. Pasadas esas dúas semanas, unha vez rematado o proxecto, o rural de Ames contará con esa exposición permanente de arte urbano que leva o nome de “Terra de mulleres: as voces dos valos” e que recolle o espírito de todas as que o inspiraron.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Rescatan con murales viejos oficios y el día a día de un rural en femenino"

Reunión en Biduído

Multimedia

  • Reunión en Biduído
  • Reunión en Biduído
  • Reunión en Biduído
  • Reunión en Biduído
  • Reunión en Biduído
  • Reunión en Biduído