[11-01-2011] O Concello de Ames, a través da Concellería de Medio Ambiente, ven de comezar o servizo de recollida de árbores de Nadal. A campaña prolongarase ata o venres 21 e pretende, un ano máis, limitar o impacto ambiental que sofren os montes coa tala de árbores. Os exemplares recollidos en bo estado irán ao viveiro municipal para posteriormente seren replantadas ou, aquelas que se atopen en mal estado en lugar de ir ao contenedor do lixo, serán recollidas igualmente e destinadas á compostaxe. Quen desexe "acoller" unha destas árbores e replantala na súa casa tamén poderá facelo.
Nas datas de Nadal o medio ambiente sofre unha agresión bastante acentuada pola tala masiva de árbores que se empregan na tradicional ornamentación dos fogares. Esta situación agudízase polo feito de que boa parte deses exemplares non regresan á natureza sendo replantados. Por iso, a Concellaría de Medio Ambiente pon todos os anos en marcha unha campaña de recollida desas árbores de Nadal. A iniciativa, que arrincou este luns e durará ata o vindeiro venres 21, permitirá que as árbores das persoas que así o soliciten sexan recollidas e posteriormente replantadas ou destinadas á elaboración de compostaxe.
As persoas que desexen que as súas árbores volvan á natureza, contribuíndo así a un Nadal máis sostible, poden pórse en contacto coa brigada de Garda Mediombiental no teléfono 619 829 772. As árbores recollidas deste xeito irán ao viveiro municipal onde se procederá a replantalas se se atopan en bo estado, pero se algunha persoa así o solicita, pode acoller no seu xardín particular unha destas árbores recollidas. As árbores en mal estado que non poidan replantarse tamén se poderán entregar e destinaránse á elaboración de compostaxe. Para iso só ten que chamar ao mesmo número antes indicado.
Proceso de replantado
Para que a iniciativa de replantado funcione, as árbores deben devolverse á natureza en bo estado, isto é, de xeito que sexa viable a súa supervivencia posterior. As árbores demasiado estragadas non poderán ser replantadas, pero, como xa se indicou, serán destinadas á elaboración de compostaxe. Para que todo saia ben, é preciso ter unha serie de coidados moi sinxelos co exemplar que se teña na casa. Durante os días que permaneza alí debe situarse lonxe focos de calor como calefaccións e chemineas, e as raíces deben manterse húmidas, aínda que non encharcadas. O exemplar debe adquirirse nun establecemento especializado e incluíndo a raíz e o cepellón. Atendendo a estas indicacións a árbore rematará o Nadal en condicións de ser replantado, volver á natureza e permitir que esas datas de celebración sexan tamén de coidado ao medio ambiente.