Solapas principales

Conclúe a primeira e enriquecedora experiencia do Taller de Educación Emocional coa Asociación Bocalán Galicia na Escola Infantil Municipal O Bosque

Martes, 26 de noviembre de 2019

O Taller de Educación Emocional que tivo lugar nos pasados dous meses na Escola Infantil Municipal O Bosque entra dentro do proxecto de Educación Asistida con Animais que realiza a Asociación Bocalán Galicia (Brión). Organizado pola Escola Infantil por medio da ANPA do centro, está orientado ás nenas e nenos das aulas de 2 a 3 anos, e os animais elixidos son dúas cadelas, Mulán e Nicoletta, que están preparadas para esa fin.

Os primeiros afortunados en vivir a experiencia do Taller de Educación Emocional con animais que tivo lugar na Escola Infantil Municipal O Bosque  foron as nenas e nenos dunha das aulas de 2 a 3 anos, que asemade se dividiron en dous grupos máis reducidos para levar a cabo o taller. Así, desenvolvéronse 6 sesións por cada grupo, cunha duración de 45 minutos cada unha.

O obxectivo deste taller é que as nenas e nenos aprendan a coñecer e recoñecer mellor os seus sentimentos e xestionar as súas emocións, difíciles de controlar nunha etapa na que son habituais os enfados, choros e cabreos.  Así, leváronse a cabo actividades, rutinas, conversacións... co fío condutor de dúas cadelas, Mulán e Nicoletta, pertencentes á Asociación Bocalán Galicia e que están especialmente preparadas como animais de asistencia.

Esta primeira experiencia resultou moi enriquecedora, sendo visible unha gran evolución das crianzas dende a primeira á última das sesións. Están encantadas porque lles motiva moito compartir espazo e actividades cos animais. Por iso, hoxe celébrase unha reunión de avaliación deste primeiro contacto, para ver que puntos mellorar de cara á segunda xornada do taller que dará comezo con outro grupo no mes de xaneiro.

A Asociación Bocalán Galicia
Mulán e Nicoletta son dúas cadelas de raza labrador que forman parte da familia da Asociación Bocalán Galicia, unha entidade que leva moitos anos adestrando cans e outros animais para convertelos en mestres capaces de sacar o mellor das persoas.

Os/as voluntarios/as desta asociación son cans, cabalos, un burro, unha porca, un coello, unha cobaia e varios gatos que foron adestrados para  intervencións asistidas. Ademais, a asociación tamén se adica a educar cans de asistencia que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

Taller Educación Emocional O Bosque

Multimedia

  • Taller Educación Emocional O Bosque
  • Taller Educación Emocional O Bosque
  • Taller Educación Emocional O Bosque
  • Taller Educación Emocional O Bosque