Solapas principales

Conmemórase o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor lembrando que existe un servizo de asesoramento que ofrece a UCGAL en Ames

Martes, 15 de marzo de 2022

A Concellaría de Promoción Económica conmemora o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor lembrando que dispón dun servizo de asesoramento que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en Bertamiráns e no Milladoiro. O Concello de Ames asinou en 2016 un convenio con esta entidade para que os veciños e veciñas amesáns dispuxeran deste servizo. Durante os últimos anos a UCGAL realizou varias xornadas informativas sobre o consumo e aforro da electricidade, o pago dos dereitos de autor, a devolución das cláusulas chan, comercio electrónico seguro, sentenzas do IRPH e as tarxetas revolving e o cártel dos coches.

A través do convenio asinado entre o Concello de Ames e maila Unión de Consumidores de Galicia cedéronselle locais en Bertamiráns e no Milladoiro para que esta entidade leve a cabo a súa labor de asesoramento no eido do consumo. Deste xeito, os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.

É importante que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre calquera tema (cláusulas chan, electricidade, gas, telefonía, etc), soliciten cita previa para dispor deste servizo que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.

Durante os últimos anos a UCGAL realizou varias xornadas informativas en Ames sobre o consumo e aforro da electricidade, o pago dos dereitos de autor, a devolución das cláusulas chan, comercio electrónico seguro, sentenzas do IRPH e as tarxetas revolving e o cártel dos coches. Durante varios meses dos dous últimos anos non se puideron realizar xornadas informativas de xeito presencial debido á pandemia da Covid-19. A pesar diso en decembro de 2020 organizouse unha actividade informativa sobre as sentenzas do IRPH e dos gastos hipotecarios, e agora no pasado mes de febreiro, impartiuse unha xornadas informativa sobre o cártel dos coches. Estas xornadas teñen unha boa aceptación entre a veciñanza amesá e normalmente  asiste un gran número de veciños e veciñas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradece o traballo feito en Ames polos técnicos e técnicas da Unión de Consumidores de Galicia e apela ao consumo responsable e seguro da cidadanía. “A veciñanza de Ames dispón dun servizo de asesoramento que ofrecen os técnicos da Unión de Consumidores de Galicia en Bertamiráns e no Milladoiro. Ademais, en colaboración coa UCGAL publicamos unhas recomendacións para mercar con sentido a través da Internet e un decálogo para empregar a túa banca electrónica de xeito seguro. Entre os consellos atopamos cousas tan sinxelas como mercar en páxinas oficiais, non deixar gravados os datos da tarxeta bancaria ou fuxir dos prezos demasiado baixos”.

Decálogo para comprar de forma segura a través da Internet
Por outra banda, cómpre lembrar que a Concellaría de Promoción Económica xunto á UCGAL publicou un decálogo para guiar aos consumidores na compra a través de internet e outro para utilizar a banca electrónica de xeito seguro. Ambos organismos desexan apostar pola prevención logo do aumento dos casos de fraudes bancarios a través da internet.

O decálogo para comprar con “sentidiño” a través da internet comeza cunha premisa clave á hora de iniciar unha compra online ao recomendarnos que non nos precipitemos e que empreguemos o tempo que sexa preciso para mercar. Outra das recomendacións é mercar sempre a través das páxinas oficiais de marcas e empresas e priorizar aquelas que teñen a súa sede na UE. Tamén nos recorda que debemos eliminar os datos bancarios despois de realizar a compra ou comprobar as valoración do vendedor. O decálogo remata lembrándolle ao consumidor que conta cun dereito de desistimento de 14 días.

No decálogo para empregar a banca electrónica de xeito seguro encontramos consellos tan sinxelos como o de non acceder á banca electrónica dende redes wifi públicas ou dende equipos alleos, pechar a sesión logo de cada uso ou non rebelar nunca as contrasinais de acceso. O decálogo tamén recolle a recomendación de non premer ningún enlace remitido por correo ou sms da entidade bancaria, a de chamar ao número de atención ao cliente da entidade ante calquera sospeita ou a de manter actualizado o sistema operativo, navegador e antivirus do noso terminal.

Aplicando estas 20 premisas os consumidores gañan en seguridade pero, sobre todo, en tranquilidade. Con todo, ante calquera dúbida ou consulta os consumidores poden acudir ás oficinas que a Unión de Consumidores de Galicia ten no Concello de Ames.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Dos oficinas estables de la Unión de Consumidores ‘blindan’ las compras"

A veciñanza de Ames dispón dun servizo de asesoramento que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia en Bertamiráns e no Milladoiro

Multimedia

  • Cartel do decálogo para comprar con “sentidiño” a través da internet
  • Cartel do decálogo para empregar a banca electrónica de xeito seguro