Solapas principales

A conselleira de Política Social visita a unidade de atención temperá de Teo e Ames onde se presta servizo a 52 nenos e nenas

Miércoles, 09 de febrero de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá a unidade de atención temperá de Teo e Ames coincidindo coa nova convocatoria de axudas para que os Concellos ou agrupacións de Concellos poñan en marcha este servizo. Alí foi recibida pola concelleira de Benestar Social de Ames, Luísa Feijóo, o concelleiro de Benestar de Teo, Ignacio Iglesias, as técnicas que se encargan de coordinar este servizo en Ames, Rosana Martínez, e en Teo, Berta Conde, o equipo profesional do servizo, a voceira do PP de Ames, Oliva Agra, e o voceiro do PP de Teo, José Manuel Guerra. O SAT está dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e ten por obxectivo darlles resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

O Concello de Teo puxo en funcionamento no ano 2018 o servizo de atención temperá. En 2021, tras a sinatura do correspondente convenio de colaboración entre os Concellos de Teo e Ames, botou a andar o SAT conxunto para atención á poboación destes dous municipios. A xestión compartida permite dar un salto de calidade no que respecta ao horario de apertura e ás instalacións nas que se desenvolve a atención.

Este servizo é fundamental para actuar sobre os trastornos que poden sufrir no desenvolvemento os nenos/as de 0 a 6 anos. É un modelo baseado na prevención, na identificación e no tratamento precoz e facilita aos pequenos ferramentas para gañar autonomía desde a infancia. O SAT préstase de luns a xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 19.00 horas. Os venres o horario de atención é de 8.00 a 14.30 horas.

O equipo profesional responsable, está conformado por un psicólogo, unha logopeda e unha terapeuta ocupacional, con capacitación específica para a atención ás necesidades deste grupo poboacional. O SAT constitúe unha extensión das atencións prestadas polos servizos sociais municipais, se ben o acceso a este require a prescrición da atención polos servizos de pediatría comunitaria ou hospitalaria. O equipo do servizo está a disposición de particulares, entidades e profesionais para a orientación ante calquera necesidade de información sobre as súas opcións de intervención.

Dende o pasado 17 de xaneiro o equipo profesional deste servizo traballa nas novas instalacións situadas na Travesía das Galanas, número 67, un punto que malia estar no termo municipal de Teo é próximo e de acceso rápido aos dous núcleos de maior poboación de Ames, en especial ao Milladoiro. O novo local conta con tres grandes espazos diferenciados, cunha sala para a terapia ocupacional e dous despachos, dedicados á logopedia e á psicoloxía. Actualmente, neste servizo aténdese a 30 nenos e nenas de Teo e a 22 rapaces e rapazas de Ames.  

Durante as últimas semanas estiveron incorporándose ao servizo os usuarios/as do concello de Ames. Os/as usuarios/as deste servizo chegan derivados/as de listaxes de centros de saúde e de ensino, dos propios servizos sociais municipais, ou ben da unidade de atención temperá do Hospital Clínico Universitario de Santiago, ao que ata o de agora acudían as crianzas ao non contar con este servizo a nivel municipal.

Nova convocatoria de axudas para o SAT
Esta mañá a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou a unidade de atención temperá de Teo e Ames coincidindo coa nova convocatoria de axudas para que os Concellos ou agrupacións de Concellos poñan en marcha este servizo. A conselleira de Política Social dixo que se duplicará no ano 2022 o orzamento destinado a este servizo ata chegar aos 6,2 millóns de euros. Isto permitirá a consolidación das 36 unidades xa existentes, e a creación doutras novas ata chegar a un total de 50. Ademais, buscarase mellorar o seu funcionamento e a calidade do servizo.

En concreto, esta nova orde incrementará nun 5% os fondos que a Xunta destina a cada unha destas unidades, para sufragar custes de mantemento do local, de luz ou de material e pasará de financiar o 90% das horas de atención que se ofertan a facelo no 100%. Dende os departamentos municipais de Teo e Ames estiman que se fará un investimento no SAT durante 2022 de algo máis de 120.000 euros.

“As unidades de atención temperá en Galicia aínda son unhas grandes descoñecidas malia que están a facer un traballo excepcional, intenso con todos os nenos pequenos, pero sobre todo de proximidade con todas as familias”, salientou Fabiola García. Lembrou, neste sentido, que nos últimos doce anos a Xunta reforzou a aposta pola atención temperá ao multiplicar por dez a súa extensión. Pasou de cubrir 15 concellos no ano 2009 a atender a 167 na actualidade.

A concelleira de Benestar Social de Ames, Luísa Feijóo, agradeceulle á conselleira a súa visita e ese plus que ten nestes servizos. “Grazas ao financiamento podemos ter uns servizos de proximidade, que é como se deben desenvolver estes servizos, sobre todo cando falamos de infancia e da atención temperá. É a forma máis eficaz, realmente coñecemos a demanda e aos usuarios. Agradecer tamén ao Concello de Teo e nomeadamente ao concelleiro de Política Social que nos permitan beneficiarnos deste servizo xunto a eles. Este non deixa de ser un bo exemplo de colaboración institucional, neste momento a tres bandas, tanto en sentido horizontal coma vertical, entre concellos e a Xunta, o que nos permite ter un servizo de calidade e que tiña unha gran demanda en Ames. Foi anunciar a posta en marcha do servizo e xa temos 22 nenos e nenas xa valorados e coas súas entrevistas para poder empezar”.

Por outra banda, o concelleiro de Benestar de Teo, Ignacio Iglesias, dixo “agradezo a visita da conselleira e a política de financiamento ás entidades locais, que permiten que estes centros sociosanitarios poidan descentralizarse e estar máis preto da xente. O traballo comunitario nestes centros é fundamental, a relación cos centros de saúde, coas escolas infantís, pero tamén con asociacións como ANPAS, fan que todo isto funcione e sexa áxil. Os Concellos asumiremos este reto de darlle un bo destino a todo este esforzo para poder sacalos adiante”.

A conselleira de Política Social sinalou, así mesmo, que a unidade de Teo e Ames viu multiplicada preto de oito  veces nos últimos tres anos a achega que reciben da Xunta, que pasou dos 8.500 euros que recibiu en 2018 ata os 62.000 deste exercicio, o que permitirá ao centro xestionado por estes dous Concellos ampliar o número de nenos/as atendidos de 30 a medio cento ao longo deste ano.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La unidad de atención temprana de Teo y Ames atenderá a 50 niños"

El Correo Gallego: "Apoyo a la atención temprana con un 73 % más de plazas para niños"

Imaxe da visita da conselleira de Política Social á unidade de atención temperá de Teo e Ames

Multimedia

  • Imaxe da visita da conselleira de Política Social á unidade de atención temperá de Teo e Ames
  • Imaxe da visita da conselleira de Política Social á unidade de atención temperá de Teo e Ames
  • Imaxe da visita da conselleira de Política Social á unidade de atención temperá de Teo e Ames
  • Imaxe da visita da conselleira de Política Social á unidade de atención temperá de Teo e Ames
  • Imaxe da visita da conselleira de Política Social á unidade de atención temperá de Teo e Ames
  • Imaxe da visita da conselleira de Política Social á unidade de atención temperá de Teo e Ames