- Tematica
A inspección de saúde pública realizada esta mañá pola Consellería de Sanidade nos centros educativos de Ames afectados polo brote de gastroenterite determina que, tanto as instalacións, como o persoal, como as prácticas de actividade alimentaria cumpren cos protocolos establecidos. A guía coas recomendacións está dispoñible premendo na ligazón que está ao pé desta nova.
A Consellería de Sanidade, a través dos servizos de inspección de Saúde Pública, realizou esta mañá unha inspección programada ás instalacións dos centros educativos, con resultados favorables, o que confirma as garantías de apertura dos comedores, de xestión municipal.
Esta mañá na reunión co Concello de Ames, os profesionais de Saúde Pública da Consellería de Sanidade intercambiaron información sobre as actuacións de saúde pública e acordouse trasladar recomendacións á poboación para evitar contaxios, continuando coa colaboración que se mantén desde o primeiro momento entre Xunta e Concello.
A Consellería de Sanidade insiste na necesidade de extremar as medidas de hixiene, tanto nas instalacións do centro como nos domicilios particulares, para evitar novos contaxios e recaídas derivadas deste brote, que afectou a máis de 100 persoas.
Para iso, a Consellería de Sanidade trasladou ao Concello, para a súa distribución entre a comunidade escolar e os afectados, unha guía da Dirección Xeral de Saúde Pública con recomendacións para previr os contaxios de enfermidades gastrointestinais transmisibles que deben seguir, especialmente, as persoas afectadas e os seus convivintes.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Los comedores de Ames superan la inspección de Sanidade tras el brote de gastroenteritis"
La Voz de Galicia: "Sanidade avala el protocolo del comedor escolar de Ventín"