Solapas principales

Consulta a actualización das restricións de nivel máximo no concello de Ames que entran en vigor este venres 15 de xaneiro

Jueves, 14 de enero de 2021

A Xunta de Galicia publicou no DOG este mércores, 13 de xaneiro, a actualización das medidas que lle afectan ao territorio galego para facer fronte á pandemia provocada pola Covid-19. No concello de Ames dende ás 00.00 horas deste venres, 15 de xaneiro, actualízanse as medidas de nivel máximo. Deste xeito,  establécese un peche perimetral exclusivo para o municipio de Ames. A veciñanza amesá tan só poderá saír do municipio por causa xustificada (traballo, estudos ou asistencia a centros sanitarios, entre outros motivos). A restrición de mobilidade nocturna adiantase ás 22.00 horas. Establécense xuntanzas de máximo catro persoas (non deberán xuntarse non conviventes despois das 18.00h); e o peche da hostalería será ás 18.00h. Preme nesta ligazón para consultar as restricións actualizadas de nivel máximo que lle afectan ao concello de Ames.

A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias publicou este mércores, 13 de xaneiro do 2021, a Orde do 13 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 de medidas contra a Covid-19 e mailo Decreto 3/2021 do 13 de xaneiro polo que se modifica o Decreto 202/2020 do 3 de decembro de medidas contra a Covid-19.

Dende o Concello de Ames faise un chamamento ao autoconfinamento e solicítaselle á veciñanza, que limite toda saída do fogar que non sexa imprescindible, nin fagan desprazamentos fóra do concello, salvo aqueles que sexan necesarios e debidamente xustificados, limitando así ao máximo á súa vida social. Todas as recomendacións realízanse tendo en conta o número de casos positivos no concello de Ames, que a 14 de xaneiro de 2021, ascende a 143 contaxiados/as.

Lémbrase que o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal é obrigatoria. Ademais, incídese que nesta nova etapa de restricións é preciso que cada un/unha de nós actuemos con responsabilidade. Sigamos cumprindo de xeito estrito todas as medidas de prevención da COVID-19. Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 662 099 944 ou enviando un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

Liberdade de entrada e saída
Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial delimitado de forma INDIVIDUAL polo Concello de Ames. Deste xeito, a veciñanza amesá tan só poderá moverse dentro do termo municipal, sen saír do mesmo. Quedan exceptuados das anteriores limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:

-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
-Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
-Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
-Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
-Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
-Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
-Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Restrición da mobilidade nocturna
Durante o período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización das seguintes actividades:
-Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.
-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
-Retorno ao lugar de residencia habitual, tras realizar algunhas das actividades previstas neste punto.
-Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
-Abastecemento en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.

Restrición ás agrupacións de persoas
Recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia. En Ames, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de 4 persoas, agás que se trate de persoas conviventes. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de 4 persoas, agás que se trate de persoas conviventes.

A limitación prevista neste punto non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Hostalería e restauración
Non está permitido o consumo no interior. Nas terrazas ao aire libre, limitación ao 50% das mesas. A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre as mesas. O horario do peche ao público está establecido que será ás 18:00 horas.

Non obstante, poderán prestar servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

Establecementos e locais comerciais
Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais deberán pechar ao público ás 21:30 horas, salvo que teñan fixado de acordo coa normativa vixente un horario inferior.

Parques infantis, biosaudables e pistas deportivas ao aire libre
Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate de Ames permanecerán pechados ata que se observe unha melloría da situación sanitaria.

Ademais, o Concello de Ames procedeu á suspensión do mercado de venda ambulante que organiza o Concello de Ames todos os sábados na localidade de Bertamiráns.

Actividades e instalacións deportivas
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectivas ata un máximo de catro persoas sexan ou non conviventes, excluído o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva de forma individual ou colectiva cun máximo de catro persoas sexan ou non conviventes , excluído o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Cartel informativo sobre a actualización das restricións de nivel máximo no concello de Ames