- Tematica
O proxecto “Modo galego, actívao!”, unha experiencia de inmersión lingüística na que participan preto de 3.000 alumnos amesáns dos centros educativos de infantil e primaria, continúa coa realización de cinco actuacións nas escolas de Agro do Muíño, A Igrexa, Barouta, Covas, O Milladoiro, Ventín e A Maía. Os principais obxectivos son a promoción e apoio do uso do galego na socialización da infancia, así como a asociación da lingua galega a actividades de lecer.
A experiencia de compromiso lingüístico, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e a Real Academia Galega, comezou cunha iniciativa inspirada na actividade 21 días co galego que se desenvolveu durante tres semanas (dende o 27 de febreiro ata mediados de marzo) na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, as escolas unitarias de Covas e da Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño. Neste caso, a actividade adiántase ás primeiras etapas educativas, implica os colexios dun mesmo concello a un tempo, e esténdese ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local.
O programa incluíu estratexias para promover o compromiso lingüístico non só do alumnado e do profesorado, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos.
Novas actividades do “Modo galego, actívao!”
Desta volta, o “Modo galego, actívao” continúa cunha serie de actividades para a cativada que tamén terán lugar nos centros escolares amesáns. Os obxectivos son promover e apoiar o uso do galego na socialización da infancia, asociar a lingua galega a actividades divertidas de lecer, achegar recursos para dinamizar o uso da lingua galega entre a poboación máis nova do concello e favorecer a transmisión familiar do idioma, achegar referentes lúdicos ao alumnado do segundo ciclo de infantil e de primaria e ás súas familias, e colaborar na difusión de distintos proxectos lúdicos en galego pensados para a cativada.
As actividades comezan hoxe co concerto participativo “Voltas, revoltas e reviravoltas” das Maimiñas, para a rapazada do CEIP Agro do Muíño e da EEI A Igrexa. O 15 de maio terá lugar o espectáculo “Picadiscos marifaltri”, de María Faltri e Jorge Juncal, dirixido ao alumnado do CEIP de Barouta e da EEI de Covas. Para finalizar o mes de maio, Pablo Díaz presentará, o día 26, a actuación “Tic Tac Toc” na EEI do Milladoiro.
No mes de xuño, o proxecto segue con “Canto contigo”, de Paco Nogueiras, que se desenvolverá o día 14 no CEP de Ventín. Finalmente, Pablo Díaz volverá con “Tic Tac Toc”, o 20 de xuño no CEIP A Maía.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Continúa a experiencia de inmersión lingüístiva Modo galego, actívao! en Ames"