- Tematica
A iniciativa de música na rúa “AmesON de verán”, posta en marcha pola concellaría de Promoción Económica, continúa o seu percorrido esta semana. Mañá, 8 de agosto, terá lugar un concerto de Paco Nogueiras para público infantil e familiar, a partir das 19:30 horas, en Bertamiráns. A programación proseguirá o sábado, día 12, coa actuación de Los Mecánicos, ás 21:00 horas. Paralelamente, séguense a desenvolver as festas da Madalena no Milladoiro, que pechan este martes co concerto de Heredeiros da Crus e o espectáculo da orquestra Charleston Big Band.
O programa “AmesON de verán” prosegue a súa andadura durante a segunda semana de agosto con dúas novas actuacións. Este martes, 8 de agosto, estará na praza de Chavián, en Bertamiráns, Paco Nogueiras. O espectáculo dará comezo a partir das 19:30 horas. Nogueiras, músico e actor, combina a súa labor en diversas formación teatrais con ser monitor de teatro e realizar numerosos espectáculos para o público infantil e familiar.
O sábado, ás 21:00 horas, Bertamiráns acollerá unha nova actuación, desta volta no parque do Ameneiral. Trátase do espectáculo de Los mecánicos, unha das bandas de versións pioneiras en Galicia, que interpreta música pop e rock dos 60: os Beatles, Elvis, Raphael, os Grincos ou os Bravos.
Adiada a actuación de Pitusa Semifusa
A actuación do “AmesON de verán” de Pitusa Semifusa, que estaba prevista para hoxe ás 19.30 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, queda adiada. O aprazamento realízase por motivos alleos á organización, e o espectáculo terá lugar noutra data aínda por determinar.
Péchanse as festas da Madalena
Paralelamente, mañá martes péchase a programación das Festas da Madalena, con dúas grandes actuacións. Ás 22.00 horas, no paseo da Igualdade, ao carón da Casa da Cultura do Milladoiro, actuarán seis anos despois os Heredeiros da Crus. A mítica banda de rock do Barbanza formada a comezos dos anos 90 volve a ofrecer un concerto no Milladoiro despois de estar no Millarock de 2017.
Unha vez rematado o espectáculo de Heredeiros de Crus, ás 23.00 horas, a orquestra Charleston Big Band rematará cunha actuación na explanada que se atopa ao carón da Travesía do Porto, onde está situada a área de autocaravanas.
A partir do mércores, día 9, continúa o programa Ames en Festas coa apertura das festas da Peregrina, en Bertamiráns. O festexos estenderanse ata o domingo 13, e inclúen as actuacións de diversas orquestras, discos móbiles e grupos tradicionais. Podes consultar toda a programación premendo nesta ligazón.