Solapas principales

Continúa o ciclo Abril de Cine coa proxección do filme Les 400 Coups

Lunes, 08 de abril de 2024

Esta semana continúa o ciclo Abril de Cine, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. O obxectivo deste proxecto é achegar o cinema clásico á veciñanza amesá. A segunda proxección será este xoves, 11 de abril, co filme Les 400 Coups (Os 400 golpes). Os martes 16 e 23 de abril poderase ver The Straigth Story (Unha historia verdadeira) e In the mood for love (Desexando amar). Todos os filmes serán proxectados en versión orixinal subtitulada no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Nas tres proxeccións que quedan poder facer, haberá un coloquio en cada unha, nas que participarán o escritor Diego Ameixeiras, o cineasta Alfonso Zarauza e a actriz e directora Jaione Camborda.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, puxo en marcha por cuarto ano consecutivo o programa cultural Abril de Cine. Ao longo deste mes os veciños e veciñas de Ames poden gozar de catro proxeccións. Deste xeito, súmase a disciplina do cinema a programación cultural do Concello, poñendo en valor esta disciplina artística como ferramenta transmisora de información e coñecemento, así como de pensamento crítico. As entradas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

As proxeccións son en versión orixinal subtitulada e contan cun convidado do eido da cultura (cinema, música, literatura...). O ciclo comezou o pasado xoves, 4 de abril, coa proxección da película Verano 1993, dirixida por Carla Simón. Trala proxección houbo un coloquio sobre o filme no que participou a actriz Ledicia Sola.

Proxeccións de cine clásico
A segunda sesión terá lugar este xoves 11 de abril. Emitirase o filme Les 400 Coups (Os 400 golpes), unha obra clave da “nouvelle vague” na que se conta a historia de Antoine Doinel, quen con 14 anos non só é testemuña dos problemas de parella dos seus pais senón que tamén debe soportar as esixencias dun severo profesor. O escritor, xornalista e guionista, Diego Ameixeiras, será o convidado desta sesión para participar no coloquio que haberá trala proxección.

O filme The Straigth Story (Unha historia verdadeira), de David Lynch, proxectarase o martes 16 de abril. Baseada nunha historia real, narra a viaxe de Alvin Straight, un ancián que vive coa súa filla con discapacidade, para ver ao seu irmán enfermo no único medio de transporte do que dispón: unha máquina cortacéspede. Nesta ocasión, o coloquio posterior contará coa participación do realizador, guionista e produtor galego Alfonso Zarauza.

A última das sesións de longametraxes do Abril de Cine desenvolverase o 23 de abril. Proxectarase In the mood for love (Desexando amar), un filme asiático que se desenvolve no Hong Kong de 1962. Neste contexto, Chow, redactor xefe dun diario local, múdase a un edificio habitado principalmente por residentes de Shaghai onde coñece a Li-zhen, unha moza que acaba de instalarse no mesmo edificio co seu esposo. Un día, ambos descubrirán algo inesperado respecto ás súas parellas que o cambiará todo. Nesta ocasión será a directora do aclamado filme “O Corno”, Jaione Camborda, a que acompañe ao público durante o coloquio posterior á proxección.

Coloquios con Diego Ameixeiras, Alfonso Zarauza e Jaione Camborda
Nas tres proxeccións que quedan poder facer, haberá un coloquio en cada unha, nas que participarán o escritor Diego Ameixeiras, o cineasta Alfonso Zarauza, e a actriz e directora Jaione Camborda. Cada un deles participará nun pequeno coloquio ao finalizar cada filme para afondar nos aspectos máis rechamantes da obra audiovisual. Tamén ao comezo haberá unha pequena presentación para orientar ao público cun par de claves sobre o filme antes da proxección.

Continúa o ciclo Abril de Cine coa proxección do filme Les 400 Coups

Multimedia

  • Continúa o ciclo Abril de Cine coa proxección do filme Les 400 Coups