- Tematica
Despois do éxito da saída ao campo do pasado sábado en busca de diferentes especies de cogomelos, este sábado 19 de outubro continúan as actividades micolóxicas organizadas pola Aula da Natureza co desenvolvemento do curso de iniciación nos cogomelos, que inclúe outra saída. As persoas que estean interesadas en inscribirse en dito curso, aínda están a tempo de apuntarse nas últimas prazas enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información sobre estas xornadas micolóxicas, pódese chamar ó 660 004 665.
O pasado sábado, 12 de outubro, desenvolveuse con éxito a primeira das actividades do programa Outono de Cogomelos, organizado pola Aula da Natureza. O día acompañou nesta saída polos arredores de Bertamiráns en busca de distintos hábitats, que finalizou co descubrimento de moitas especies diferentes de cogomelos. A saída foi guiada pola experta Sira López, que axudou aos participantes no recoñecemento e identificación de cada un deles.
As actividades micolóxicas continúan este sábado
Proseguindo co programa establecido, as actividades micolóxicas deste mes de outubro continúan co inicio do primeiro curso de iniciación nos cogomelos, que se impartirá este sábado 19 de outubro. Levarase a cabo na Aula da Natureza (situada no lugar de Quintáns, na parroquia da Ameixenda), con horario partido de 11.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas pola tarde. Ademais o curso inclúe tamén unha saída.
As prazas para asistir son limitadas. As persoas que estean interesadas en inscribirse en dito curso, aínda están a tempo de apuntarse nas últimas prazas enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
A programación para novembro
Xa no mes de novembro, terán lugar outras actividades como a exposición micolóxica do sábado 9 na praza do Concello, que é unha das principais novidades deste ano. Unha cita accesible para todos os veciños e veciñas, xa que é de entrada libre, e que se converte nunha entretida maneira de poder formarse na micoloxía.
Ademais está programado un segundo curso de afondamento no coñecemento dos cogomelos o sábado 16 de novembro. Tratarase o uso de claves, o cultivo e o cociñado dos cogomelos. O horario será tamén de 11.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas pola tarde, incluíndo unha saída. O número de prazas é de 30 previa inscrición.
Xa por último, o sábado 23 de novembro finalizarán as xornadas cunha segunda saída ao campo. Desta vez, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, fóra do termo municipal de Ames. O horario da actividade é de 10.30 a 16.00 horas e o número de prazas é de 50 previa inscrición.
Todas as inscricións ás actividades do programa poden realizarse a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información sobre estas xornadas micolóxicas, pódese chamar ó 660 004 665.