Solapas principales

Continúan os Encontros Literarios neste mes do libro coa presentación este mércores de “Cuarto vértice” de Carlos Moreno

Martes, 22 de abril de 2025

Neste mes de abril, no que se conmemora o Mes do Libro, continúan a desenvolverse as sesións dos Encontros Literarios. Nesta ocasión, coa presentación do libro “Cuarto vértice”, de Carlos Moreno Lugrís, e publicado por Hércules de Edicións. A sesión terá lugar este vindeiro mércores, día 23, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Ademais de asistir o propio autor da obra, o coloquio tamén contará coa presenza da escritora Encarna Otero. Como vén sendo habitual, a entrada será libre ata completar aforo.

O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas Municipais,  continúa neste mes de abril, no que se conmemora o Mes do Libro, coas sesións enmarcadas dentro do programa “Encontros Literarios”, unha actividade que ten como obxectivo difundir e promover literatura en galego, xunto con dar a coñecer novos autores ou escritores da contorna de Ames.

“Cuarto vértice” de Carlos Moreno
A obra protagonista deste encontro é “Cuarto vértice”, a segunda novela do lugués Carlos Moreno Lugrís que, ademais de dedicarse ao mundo da literatura, exerce como médico. Neste libro nárrase a historia de dúas mulleres que se cruzan nun momento moi concreto das súas vidas e que, ambas as dúas, son moi diferentes entre si, pero que comparten iniciais (M.M.): Maruja Mallo e Marina Méndez.

Ao longo da obra, Maruja cóntalle a Marina a súa extensa carreira no mundo da arte, que abrangue dende os anos vinte ata os oitenta. Pola outra banda, Marina tamén lle narra a súa historia, na que se inclúe todo o acoso recibido por unha institución creada na época franquista, El Patronato de la Mujer.

Deste xeito, cunha narración de corte autobiográfico, faise un paralelismo entre a vida de ambas e búscase reivindicar o importante papel de Maruja Mallo na historia e situala como o cuarto vértice do “polígono” que formou na súa época xunto con outros autores do momento como Lorca, Buñuel e Dalí.

Continúan os Encontros Literarios neste mes do libro coa presentación este mércores de “Cuarto vértice” de Carlos Moreno

Multimedia

  • Continúan os Encontros Literarios neste mes do libro coa presentación este mércores de “Cuarto vértice” de Carlos Moreno