Solapas principales

Convivir Deportivo, da Radio Galega, chega hoxe luns á Casa da Cultura do Milladoiro

Lunes, 22 de julio de 2019

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro converterase hoxe luns, 22 de xullo, nun estudo de radio coa retransmisión do programa Convivir Deportivo, da Radio Galega. O programa que conduce Alfonso Pardo aterra en Ames e contará coa participación dun dos máximos expoñentes do deporte amesán, Borja Golán, dezaseis veces campión de España de squash e dúas veces campión de Europa. Convivir Deportivo comezará ás 20:00 horas, con entrada libre e de balde.

Alfonso Pardo destaca que o que se pretende con Convivir Deportivo é “dar visibilidade a deportes que non contan coa repercusión doutras disciplinas e, ademais, dase a casualidade de que o primeiro programa foi de squash e o propio Borja Golán veu conmigo no coche e fomos ata Marín, a sorprender a Pablo Quintana, quen apunta grandes cousas no mundo do squash”. Borja Golán, pola súa banda, asegura que “todo o que sexa difundir o squash e que a xente o coñeza nos ven moi ben, Agardo que moita xente se pase hoxe pola Casa da Cultura do Milladoiro e saiba un pouco máis da miña vida, tanto dentro como fóra da pista”.

Así, quen teña ganas de vivir a maxia da radio en directo poderá facelo hoxe luns, 22 de xullo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Alfonso Pardo chega a Ames co seu programa Convivir Deportivo, da Radio Galega, no que conversará con Borja Golán, un dos deportistas de máis éxito do concello a nivel nacional e internacional. Dende o ano 2002, no que gañou o seu primeiro campionato de España, o xogador amesán gañou todos os títulos disputados, excepto o do ano 2010 no que tivo unha grave lesión de xeonllo e non puido participar. Ademais, proclamouse campión de Europa nos anos 2016 e 2018.

Na última Gala do Deporte de Ames, celebrada a finais do mes de xaneiro, Borja Golán foi elixido como deportista máis destacado de 2018 en categoría masculina. Ademais, e como recoñecemento á súa brillante carreira deportiva, no anexo do pavillón polideportivo de Bertamiráns construíuse a nova pista de squash "Borja Golán Santín".

O programa Convivir Deportivo comezará ás 20:00 horas, con entrada libre e de balde para todos os veciños e veciñas que queiran coñecer e saber un pouco máis da radio dende dentro.

Convivir deportivo

Multimedia

  • Convivir deportivo cartaz