- Tematica
O salón de Plenos da Casa do Concello acollerá este mércores, 28 de xuño, a sesión plenaria extraordinaria de organización da nova Corporación municipal do Concello de Ames. A sesión, que comezará ás 20,30 horas, servirá para determinar, entre outros asuntos, a periodicidade das sesións ordinarias do pleno, das sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local, a creación e composición das comisións informativas e permanentes, a dotación de medios en favor dos grupos políticos, a creación de postos de traballo de persoal eventual e maila asignación de dedicacións exclusivas e parciais. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
Este mércores, 28 de xuño, ás 20.30 horas, celebrarase o pleno extraordinario de organización da nova Corporación local para o mandato 2023-2027. Cómpre salientar que o pasado 17 de xuño realizouse o pleno de constitución da nova Corporación municipal no que se investiu a Blas García como alcalde de Ames.
A sesión plenaria extraordinaria deste mércores divídese en dúas partes. Primeiro darase conta da constitución dos grupos políticos municipais e das resolucións da Alcaldía en materia de nomeamento de tenentes de alcalde, membros de Xunta de Goberno Local, creación de concellerías delegadas e delegacións conferidas pola Alcaldía.
Na parte resolutiva, primeiro abordarase a aprobación da acta da sesión constitutiva da Corporación. Tamén se abordará a periodicidade das sesións ordinarias do Pleno, a periodicidade das sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local, e maila creación e composición de Comisións Informativas Permanentes.
O Pleno abordará tamén o nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados competencia de Pleno, as delegacións do pleno na Xunta de Goberno Local, a dotación de medios en favor dos grupos políticos, a creación de postos de traballo de persoal eventual de confianza e a asignación de dedicacións exclusivas e parciais.
Creación de concellerías e delegacións da Alcaldía
En función das resolucións, Blas García, dispón de competencias relacionadas coa Alcaldía, Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación. Xestiona as áreas de cultura, bibliotecas, festas, tecnoloxías da comunicación, informática, relación cos medios, axenda urbana, proxectos europeos e normalización lingüística. Susana Señorís encárgase da Concellaría de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde. Seguirá xestionando as mesmas áreas que no mandato anterior e engade ás áreas de economía, facenda, contratación e relacións institucionais. Así xestiona economía, facenda, contratación, deportes, saúde e relacións institucionais.
Víctor Fernández é concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade e xestiona as áreas de urbanismo, administración xeral, persoal, seguridade, tráfico e transporte. Neste caso incrementa as competencias de tráfico e transporte. Ademais, Víctor Fernández será o voceiro do Goberno municipal. Ana Belén Paz é concelleira de Promoción Económica, Emprendemento e Atención e Participación Veciñal, que comprende as áreas de comercio, innovación, emprego, atención e participación veciñal. Xestiona as mesmas áreas que no mandato anterior e suma as competencias de atención e participación veciñal.
Por outra banda, Gustavo Nieto encárgase da Concellaría de Obras e Servizos Básicos que engloba as áreas de planificación e programación de obras, brigada municipal, parques, xardíns e áreas infantís, ciclo integral da auga, xestión do lixo, cemiterio municipal e iluminación. Uxía García leva a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado que comprende as áreas de servizos sociais, igualdade, migración e voluntariado.
Javier Antelo é o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio. Xestiona as áreas de medio ambiente, plan de prevención de incendios, aula da natureza, xestión ética de animais, patrimonio histórico e municipal e transparencia. Por último, Carmen Porto é concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, que comprende as áreas de educación, servizos educativos complementarios e de conciliación, e mocidade.
Tenencias de alcaldía e Xunta de Goberno Local
No decreto de nomeamento dos/as tenentes de alcalde establécese que a primeira tenente de alcaldía é Susana Señorís; a segunda tenencia de alcaldía correspóndenlle a Víctor Fernández; a terceira tenente de alcalde é Ana Belén Paz; e a cuarta tenencia de alcaldía é para Gustavo Nieto.
A Xunta de Goberno Local está composta por Blas García, que na súa calidade de alcalde actuará como presidente, Susana Señorís, Víctor Fernández, Ana Belén Paz e Gustavo Nieto. Deste xeito, reduciuse o número de concelleiros/as que forman a Xunta de Goberno Local pasando de sete a cinco membros. As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local realizaranse os xoves, ás 9.30 horas, coa periodicidade que se fixe no pleno de organización.