- Tematica
Este venres, 23 de outubro, celebrouse de forma extraordinaria e urxente a comisión informativa permanente de economía e facenda e especial de contas para abordar a derrogación da ordenanza fiscal que regula a taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes do Concello de Ames. A aprobación provisional da derrogación de dita ordenanza foi ditaminada favorablemente. O obxectivo do Goberno municipal é derogar dita ordenanza para que os vendedores ambulantes poidan afrontar a crise económica provocada pola pandemia da Covid-19.
O mercado de venda ambulante que se desenvolve os sábados na localidade de Bertamiráns favorece o desenvolvemento económico do concello funcionando como un punto de unión entre a cidadanía, e como eixe vertebrador da actividade comercial de Bertamiráns. Ao funcionar como se fora un mercado comarcal, e tratarse do único mercado con horario de tarde na contorna, permite a afluencia de visitantes de diferentes concellos como Santiago, Teo, Negreira, Brión, etc. Esta situación permite que o tecido comercial de Bertamiráns xire entorno ao eixo do mercado, sobre todo o día de celebración do mesmo.
O pasado 14 marzo derivado dos casos de Covid-19 que se estaban producindo a nivel mundial, o Goberno de España decretou o Estado de Alarma. Isto derivou nunha situación na que todos os mercados ambulantes e todas aquelas actividades consideradas non esenciais tiveron que deixar de desenvolverse. Posteriormente, o 20 de xuño procedeuse a reapertura do mercado de rúa.
Deste xeito, o Concello de Ames acordou coa asociación de comerciantes de Bertamiráns (XEA) e cos representantes dos vendedores ambulantes un cambio de ubicación para que, cumprindo coas exixencias derivadas da situación pandémica, se puidera celebrar o mercado dos sábados, acordando establecer o mercado temporalmente na rúa do Sar, que está situada detrás da escola infantil da Rede da Galiña Azul, unha zona próxima ao paseo fluvial e que permite manter a distancia de seguridade entres os distintos postos.
Todo este tipo de decisións de contención necesarias e adoptadas están a ter un impacto directo na economía e na sociedade, xa que supoñen reducir a actividade económica e social de forma temporal, paralizando a actividade en numerosos ámbitos; cos consecuentes problemas de liquidez a curto prazo e de caída da demanda que están a xerar unha gran incerteza entre as empresas, autónomos e traballadores de Ames. O comercio ambulante é un dos sectores máis afectados, debido á imposibilidade de exercer a actividade durante o período de confinamento e as medidas hixiénico sanitarias impostas para exercer a actividade.
Por iso, proponse a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes, para que os os vendedores ambulantes poidan afrontar a crise económica que a curto e medio prazo vai a supoñer a pandemia da Covid-19.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “o sector da venda ambulante é un dos sectores motor da dinamización do comercio no noso concello e está a sufrir as consecuencias derivadas da crise económica motivada pola Covid-19, de aí que levemos esta proposta de derrogación da taxa para axudar a paliar os efectos derivados das limitacións e restricións que se están a impoñer e da incerteza das medidas que puideran implantarse a curto/medio prazo”.
Cambio de ubicación do mercado de rúa
Por outra banda, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, ten aberto un proceso para reubicar o mercado de rúa de Bertamiráns na antiga zona onde se desenvolvía de forma habitual ata o pasado mes de marzo antes da declaración do Estado de Alarma pola Covid-19.
Coa chegada do inverno e debido ás inclemencias meteorolóxicas derivadas da propia estación, convocouse a unha reunión a todos os comerciantes ambulantes o pasado 14 de outubro para afrontar aquelas propostas que puideran ser máis beneficiosas para o desenvolvemento da actividade, dándose de prazo ata o día 21 de outubro para a elaboración de propostas e procedendo nas próximas datas e tras analizar a viabilidade das mesmas a unha votación para desenvolver a proposta maioritaria.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “a aprobación en pleno da derrogación das taxas pola instalación de postos no mercadillo será unha pequena axuda para a economía dos vendedores ambulantes de cara ao vindeiro ano”. Ademais, Ana Belén Paz indica que “é necesario que o eixo económico da localidade volva a confluír ao redor da Casa consistorial. A influencia do mercado nas rúas lindeiras para a reactivación económica da vila é incuestionable, e establece o eixo principal do desenvolvemento comercial e hostaleiro da localidade”.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de propostas, existen tres opción polas que terán que votar os vendedores ambulantes durante os días 26, 27 e 28 de outubro. Soamente poderá votar o titular do posto e soamente poderá votar unha opción. Para exercer o voto deberase depositar o documento de votación, que se pode descargar na sección de Avisos da web municipal, nunha urna habilitada na Casa do Concello, en horario de mañá de 09:00h a 14:00 horas, ou a través da Sede electrónica do Concello de Ames coa sinatura dixital do titular do posto.
As tres opcións a votar son:
Opción 1: Realizar o mercadillo 50% dos postos un sábado e o outro 50% o sábado seguinte e así sucesivamente, nas rúas Ameneiral e Entrerríos.
Opción 2: Ampliación da zona do mercado de venda ambulante á praza do Concello, rúa Entrerríos e rúa Ameneiral, e poñer a totalidade dos postos.
Opción 3: Repartir ao 50% os postos en quendas de mañá e tarde, nas rúas Ameneiral e Entrerríos.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El pleno de Ames aborda perdonar el impuesto por venta ambulante"
Revista AmesGo: "O Concello planea a gratuidade dos postos no mercado de rúa"
El Correo Gallego: "Derogan la tasa en Ames para puestos callejeros, atracciones y ambulantes"