- Tematica
O Pleno aprobou por unanimidade este mércores, 7 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2024” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 979.500,37 euros (551.672,62€ da achega provincial 2024 e 427.827,75 euros da achega de 2023) para executar novos investimentos nas parroquias de Biduído, Ames, Ameixenda e nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. No Plan complementario de 2024 recóllese unha partida de 2.711.703.05 euros para investimentos financeiramente sostibles nas parroquias de Ortoño, Ames, Bugallido, Trasmonte, Covas, Piñeiro e Biduído. Ademais dentro do POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
En primeiro lugar, a Corporación municipal debateu a aprobación sobre a participación no Plan POS+2024 (Plan Único de Concellos). Este punto foi aprobado por unanimidade. As actuacións incluídas no plan abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas de distintas parroquias. Deste xeito, con cargo á Achega provincial de 2024 vanse sufragar tres proxectos, que suman un importe total de 551.672,62 euros; pavimentación e senda peonil en Coira, Biduído (284.132,67 euros); pavimentación de viarios no núcleo de Casanova, Biduído (129.302,51 euros); e maila pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo, na parroquia de Ames (138.237,44 euros).
Ademais, o Concello de Ames sufragará a través da Achega provincial de 2023, que está dotada de 427.827,75 euros, outras tres actuacións. Continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas municipais, tamén se actúa en viarios municipais que neste caso unen distintos lugares pertencentes a mesma parroquia como por exemplo o proxecto de mellora de seguridade viaria de O Mercuto a Vilar, na parroquia de Ameixenda (205.673,32 euros). Nunha liña similar, pero dentro do ámbito dos núcleos urbanos, e coa finalidade de continuar coa vertebración e cohesión do territorio amesán, están previstas as obras da pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira en Bertamiráns (118.799,62 euros) e a pavimentación das rúa Pardiñeiros, Panasqueira e Seidón, no Milladoiro, coas que se pretende unha mellora funcional e da seguridade viaria no seu entorno (103.354,81 euros).
Valoración do POS+ 2024
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de dar conta das obras que se incluíron no POS+ 2024. Gustavo Nieto explicou que “as seis obras que están incluídas no POS principal foron dalgunha maneira consensuadas con todos os grupos porque na documentación que enviastes había un punto común que era o de incluír todas as obras que por diversas razóns quedaron fóra de plans anteriores ou non se puideron executar. Dese xeito, intentamos incluír todas estas obras. Vanse executar novos investimentos nas parroquias de Biduído, Ames e Ameixenda, e tamén nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. Volve a ser un POS onde se fai un aposta clara polo rural amesán co 77% do investimento”.
Por outra banda, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos explicou que en dito plan de obras “non se dedica ningunha partida para gasto corrente e realizouse un plan complementario moi amplo no que se inclúen obras que non se puideron executar en plans anteriores. Inclúense obras de pavimentación e mellora da seguridade viaria en núcleos do rural, así como a humanización de prazas nos núcleos urbanos. Quero destacar a humanización da praza da Cruxa, no Milladoiro, que vai a ser o punto e partida da execución de varios proxectos de humanización no Milladoiro”.
A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo sobre este asunto que “o goberno presenta un plan de obras de copia e pega porque todas as obras incluídas neste POS proceden doutros plans como o Ames Progresa e dos POS anteriores, incluso hai unha obra de 2019, que non se chegaron a licitar ou a executar. Poderiamos entrar a discutir se incluír uns ou outros proxectos ou se deberiamos consensuar máis os proxectos entre as diversas formacións políticas, ou incluso se debería participar a veciñanza na elección e priorización de ditas obras, pero o que está claro é que calquera investimento que se faga, por pequeno que sexa, é beneficioso para o concello de Ames e para a veciñanza. Só nos queda pedirlle ao goberno planificación e xestión, para que rematen os proxectos de 2023 e se poñan cos de 2024”.
O voceiro do BNG de Ames, David Santomil, comezou a súa intervención destacando a importancia que ten o Plan Único “porque é un plan que vai moito máis alá do que é un plan de obras. Resulta fundamental que se executen todas as obras porque todas son necesarias. Para o BNG é unha prioridade incluír obras que foron acordadas no mandato anterior e que por diversos motivos foron eliminadas polo actual goberno ou que non se chegaron a executar. Por iso, temos que dar as grazas por ter isto en consideración e incluír ditos proxectos xunto a outros novos”. Por último, amosouse en desacordo con non incluír neste POS “o investimento para a mellora do teito da Escola Municipal de Música de Ames que estaba nun primeiro borrador. Agardemos que se incorpore a un vindeiro Plan Único porque en plans anteriores intentamos sempre incorporar novos investimentos relacionados co ámbito cultural”.
O concelleiro do Partido Popular de Ames, Pablo Beiroa, destacou que “respecto ao ano 2019, a Deputación achégalle ao Concello de Ames preto de 400.000 euros menos para este POS+ 2024. Vemos que o investimento que achega a Deputación cada ano que pasa redúcese máis. Este grupo achegou propostas que partiron da veciñanza, que xa se viñan repetindo en anos anteriores, e unha vez máis, como non foron atendidas en plans anteriores, volvemos a reproducilas”. Pablo Beiroa tamén aludiu a que se vai pagar máis por obras que se se executaran en anteriores plans suporían un aforro para as arcas municipais. Por último dixo, que as obras do Plan complementario “son como unha lotería porque non se sabe cales se farán e cales non, porque dependerá do que nos achegue a Deputación máis adiante, e vendo que cada vez achega menos fondos, pois sinceramente optimismo temos pouco”.
Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que destacou que “en 2023 se fixo un investimento real en obras de máis de 7 millóns de euros, foi o investimento máis grande feito ata o de agora no concello de Ames. Esto quere dicir que algo de planificación e xestión se fixo. Foi feito polo goberno anterior de coalición composto por tres grupos e polo goberno actual que está en solitario. Cando alguén critica que o POS de 2023 non está executado é porque descoñece o funcionamento de dito plan. Apróbase agora en febreiro e a continuación os técnicos da Deputación revisan todos os proxectos, co cal o POS non se abre ata pasado o verán. Quero amosar a satisfacción deste goberno pola celeridade na execución do POS+ 2023, grazas ao traballo dos técnicos municipais, porque existe un volume brutal de expedientes de licitación que hai que facer con moi pouco persoal”. Por último, dixo que “a Deputación achega máis fondos dos que achega a Xunta. A administración autonómica que leva máis de 10 anos achegando aos Concello a mesma contía”.
Plan complementario de 2024
O Plan complementario de 2024 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar doce proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 2.711.703.05 euros. Ese plan complementario contempla nove actuacións nas parroquias de Ortoño, Ames, Bugallido, Trasmonte, Covas, Piñeiro e Biduído. Deste xeito, están previstas as obras da pavimentación da rúa Juan Bueno Bueno (120.550,34 euros), así como a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño, ambas as dúas obras na parroquia de Ortoño (149.608,76 euros).
Tamén están previstas obras de pavimentación de viarios no núcleo de Oca, na parroquia de Ames (337.417,10 euros); na aldea de Barreiro, en Bugallido (149.067,35 euros); no núcleo de Vilaverde, parroquia de Piñeiro (262.593,68 euros) e no lugar de Biduído de Arriba, en Biduído (185.104,42 euros). Ademais, contémplanse obras de mellora de seguridade viaria en Covas (128.415,69 euros) e nas Buceleiras, parroquia de Bugallido (237.077,74 euros), así como a execución dunha senda de Ponte Maceira a Carballo, Trasmonte (268.737,99 euros).
Por outra banda, nesta ocasión inclúese no POS+ 2024 o acondicionamento da praza da Cruxa, no Milladoiro (334.772,59 euros). Esta actuación acometerá a mellora das condicións de habitabilidade do espazo público existente conformado polos edificios situados na avenida Rosalía de Castro nº34 e nº36 e na rúa Agro do Medio nº6 e nº 10-14, pretendendo unha mellora na urbanización sin modificar os usos actuais, nin as condicións da contorna. Tamén se contempla o acondicionamento da praza do Concello en Bertamiráns (248.509,44 euros). Estas obras contemplan actuacións de mellora dos pavimentos na praza do Concello de Bertamiráns, a adaptación das redes de servizo existentes, coa retirada de canalización de fibrocemento existente e a súa reposición e a colocación de mobiliario urbano.
Por último, tamén se inclúe neste POS+ 2024 un proxecto para o reforzo das infraestruturas do plan especial para a dotación escolar no Milladoiro (289.847,95 euros). Este proxecto redáctase coa finalidade de facilitar a construción do novo centro educativo no Milladoiro, o núcleo máis poboado do concello de Ames, con máis de 13.000 habitantes e moitos rapaces e rapazas en idade escolar.
POS+ Adicional 1/2024
O segundo punto que se debateu foi a aprobación da participación no Plan POS adicional 1/2024 para gasto social. A concelleira de Benestar Social, Uxía García, foi a encargada de explicar este punto, que tamén foi aprobado por unanimidade da Corporación municipal.
No POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 68.384,34 euros para a contratación de tres traballadores/as sociais durante un período de seis meses. Ademais, dedicaranse 79.236,41 euros á ampliación e dotación das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás unidades de convivencia en risco de exclusión social. O importe restante, que ascende a 10.000 euros, dedicarase á ampliación do servizo de axuda no fogar, que se adicará a ofrecer o servizo de xantar na casa ás 12 persoas que están en lista de agarda e aquelas que poidan precisar de dito servizo.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames, Melide, Brión, A Baña, Frades y Rois aprueban las obras del plan provincial"
Lindeiros: "Ames investirá case un millón de euros en 18 proxectos por medio do POS+ da Deputación"