- Tematica
A Corporación municipal aprobou por unanimidade, este xoves 14 de maio, nun pleno extraordinario, a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa. Trátase da aprobación provisional da derrogación, polo que dito acordo terá que estar en exposición pública durante 30 días unha vez aprobada a suspensión de prazos motivado polo estado de alarma. Con esta medida os locais hostaleiros e comerciantes estarán exentos das taxas relativas a colocación de terrazas e poderán incrementar a súa superficie con respecto á superficie do local. Neste exercicio 2020, o Concello deixará de percibir preto de 18.000 euros polas taxas de terrazas.
Todos os grupos políticos que forman a Corporación municipal amosaron a necesidade de adoptar medidas económicas en favor do sector hostaleiro, xa que é un dos máis danados pola crise sanitaria da Covid-19. Deste xeito, este xoves 14 de maio, aprobaron por unanimidade a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.
Esta medida permitiralle aos propietarios de bares, cafeterías e restaurantes, así como a florarías, froiterías e outros comercios, estar exentos durante o exercicio 2020 da taxa pola colocación de terrazas e postos. O acordo adoptado no pleno extraordinario deste xoves 14 de maio, é a aprobación provisional da derrogación, polo que dito acordo terá que estar en exposición pública durante 30 días e previo levantamento dos prazos que na actualidade están suspendidos pola declaración do estado de alarma. Durante este período todas aquelas persoas que o consideren oportuno poderán emitir alegacións.
A actual ordenanza municipal de terrazas, derrogada no pleno de onte, indica que a ocupación da vía pública non pode danar os dereitos de terceiras persoas e, en todo caso, cando se trate de ocupacións vinculadas a un establecemento, non poden superar o 50% do total da superficie interior do devandito establecemento. Ademais do establecido no apartado anterior, cando a ocupación se produza nas beirarrúas e paseos debe quedar un espazo libre mínimo de 100 centímetros para permitir o paso dos peóns. Coa derrogación, a limitación do 50% de ocupación con respecto á superficie interior do establecemento, tamén será eliminada.
Outorgamento de autorizacións de terrazas
Ademais, tal e como recolle o informe da tesoureira municipal, a ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, non é o instrumento xurídico adecuado para regular as condicións do outorgamento de autorizacións e/ou características da ocupación da vía pública, ao ser aspectos que deberán recollerse noutra normativa non fiscal.
Debido a iso, e considerando as restricións acaecidas no sector da hostalería e restauración como consecuencia da crise sanitaria, a regulación contida no artigo 11 da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, e a necesidade de desvincular do contido da ordenanza fiscal cuestións alleas ao contido material propio da mesma, eliminouse a actual ordenanza cara a elaborar unha nova. Neste senso, vaise comezar de xeito inmediato coa elaboración dunha nova ordenanza co obxectivo de que poida entrar en vigor no exercicio 2021, coas consideracións necesarias.
Ampliación de terrazas e novas solicitudes
Na actualidade, o departamento de Urbanismo habilitou tres teléfonos e un correo electrónico para dar contestación ás dúbidas do sector, e de cara a comunicar as normas para a instalación das terrazas. Neste sentido son 25 as comunicacións recibidas por parte da hostalería de cara a súa apertura nestes días. A normativa actual indica a obrigación por parte do hostaleiro dunha ocupación do 50% das terrazas, de xeito que si se ten concedido 30 metros cadrados de terraza, poderase ocupar 15 metros cadrados na actualidade.
Ademais, outro dos cumprimentos que desde o Concello estase a informar é o da separación obrigatoria de 2 metros entre cada mesa, para evitar o contaxio dos/as usuarios/as. Ao longo destes días estase a dar información destes, e outros cumprimentos, así como do bando publicado o pasado 9 de maio, de cara a que toda a hostalería coñeza ben a normativa a cumprir.
A derrogación da ordenanza non leva implícita o incumprimento da normativa, nin da concesión das licencias de apertura que cada hostaleiro deberá seguir cumprindo. No referente a novas solicitudes de apertura, mentres non sexa definitiva a derrogación, deberán seguir as mesmas canles que ata agora, co correspondente pago por auto liquidación. No caso de que dita solicitude se realice cando a derrogación da ordenanza sexa firme, xa non será necesario o pago correspondente, pero si a presentación da documentación para a obtención do permiso.
De cara a facilitar a instalación das terrazas e postos, o Concello permite na actualidade a súa ampliación sempre que se cumpran uns requisitos que se lles está a informar nas oficinas de urbanismo e nos teléfonos publicados no bando. Ditas ampliacións deben permitir o paso peonil nunha distancia concreta, deben contar co permiso do lindeiro no caso de estar ocupado o local, poderán ocupar prazas de aparcamento previo informe da Policía local, e deberán deixar accesos libres a locais, portais ou elementos urbanos. Toda a información detallada pode consultarse no departamento de urbanismo e será aplicada dun xeito temporal mentres dure a restrición do 50% de ocupación das súas terrazas.
Elaboración dun regulamento de terrazas
Ao mesmo tempo, estase traballando na elaboración dun regulamento que ordene todo o referente á ocupación de terrazas na vía pública. Dito regulamento está practicamente rematado e proximamente enviaráselle aos grupos políticos municipais da oposición e ao sector hostaleiro para que fagan as súas achegas a este documento.
Dito regulamento foi elaborado ao longo dos últimos meses e no mesmo regúlase a instalación de terrazas en prazas de aparcamento ou mesmo a posibilidade de instalación de terrazas con veladores. O borrador do regulamento tamén será trasladado aos grupos da oposición para que fagan as súas achegas e co obxectivo de obter un documento o máis detallado posible.
Plan Reactiva Ames
Esta medida enmárcase dentro do Plan Reactiva Ames posto en marcha polo Concello de Ames para a reactivación da economía local. Outra das liñas de actuación incluídas dentro de dito plan é a posta en funcionamento dun espazo web informativo onde se recolla toda a información de interese para os afectados/as pola crise sanitaria da Covid-19, como normativa vixente, noticias, modelos e plantillas, e onde se levarán a cabo webminars para as persoas ou entidades implicadas.
O Concello de Ames vén de habilitar a páxina web http://coronavirus.concellodeames.gal, un espazo que permite ter toda a información centralizada e co que se pode difundir a información máis adaptada ao ámbito local, dun xeito máis directo, e onde a información é algo prioritario.
O pleno extraordinario rematou co alcalde, Jose Miñones, agradecendo o consenso de todos os grupos políticos municipais para adoptar esta medida que redunda en beneficio do sector hostaleiro de Ames. Tamén agradeceu o traballo do persoal do departamento de urbanismo e tesourería, que estivo elaborando o regulamento de terrazas, e finalizou sumándose á condolencia para todas as familias que sufriron a perda dalgunha persoa querida debido a enfermidade da Covid-19.