Solapas principales

A Corporación Municipal de Ames recibe a activista salvadoreña Morena Herrera

Viernes, 29 de octubre de 2021

Membros da Corporación Municipal de Ames recibiron este xoves 28 á activista salvadoreña Morena Herrera, acompañada de Lorena Seijo, coordinadora da organización sen ánimo de lucro, AGARESO. Morena Herrera (El Salvador, 1960) é unha histórica activista polos Dereitos Humanos e da muller, coñecida polo seu traballo contra a prohibición do aborto no seu país. Durante a recepción, Herrera denunciou a preocupante situación das mulleres en El Salvador, expostas a penas de entre 30 e 40 anos de cárcere por calquera tipo de aborto, mesmo por causas naturais, e incidiu no forte crecemento nos últimos anos de suicidios entre mozas adolescentes embarazadas, a primeira causa de morte indirecta entre xestantes desta franxa de idade.

Herrera está a realizar varias visitas por institucións galegas, por mor da colaboración do Fondo Galego de Cooperación, do que o Concello de Ames forma parte e ostenta a secretaría, coa ONG AGARESO e a asociación salvadoreña La Colectiva Feminista, nun proxecto de mulleres pola xestión da auga en cinco municipios do departamento de Cuscutlán, en El Salvador. “As mulleres tiveron un papel importante na propia xestión da auga, pero moi pouca decisión do sistema que decide que facer coa propia auga. Nós traballamos cos sistemas, con homes e mulleres, pero prioritariamente fortalecemos as capacidades das mulleres. Cos homes traballamos para que entendan que as cousas teñen que cambiar, e que é mellor que cambien sen violencia. Coas mulleres traballamos para que melloren a súa capacidade de presentar propostas, de participar en decisións, con gobernos locais de todas as cores políticas”, explicou a activista Morena Herrera.

A fenda de xénero e de igualdade en El Salvador empeorou durante a pandemia e nos últimos dous anos e medio de novo goberno, nun período no que aumentaron os feminicidios e o número de agresións e embarazos en nenas e adolescentes, con cifras realmente preocupantes. “De acordo a un informe de Nacións Unidas presentado neste pasado mes de outubro, nos últimos cinco anos temos un promedio de 48 nenas embarazadas ao día. E non son as únicas rapazas abusadas, senón as que concretan finalmente nun embarazo. 48 nenas embarazadas que non teñen máis opción que continuar co embarazo, que a meirande parte das veces é forzado”, sinalou Herrera.

O suicidio, a primeira causa de morte indirecta entre adolescentes embarazadas

A activista salvadoreña recordou a situación lexislativa do aborto no seu país, prohibido por lei en todas as súas formas dende o ano 1998, con independencia de se son provocados ou por causas naturais. A persecución a estes casos, penados con ata 30 ou 40 anos de cárcere, está a provocar un grande incremento nos suicidios de mulleres embarazadas, en especial entre as adolescentes, que recorren ao veleno ante a falta de saídas. “Nós investigabamos as estatísticas, preguntándonos cales eran as causas das mortes de moitas adolescentes, e atopabámonos con intoxicacións por substancias fosforosas que afectan a órganos brancos. As mozas non se matan con armas brancas ou con armas de fogo: envelénanse. Nas cidades envelénanse con matarratas; ás do rural con medicamentos para os feixóns”.

Herrera pediu ao Concello que informe á sociedade de situacións como a do seu país, e animou aos dirixentes políticos asistentes a programar actividades e eventos que traten a loita polos Dereitos Humanos e da muller. Xunto con Lorena Seijo, coordinadora de AGARESO, compartiu o documental “En deuda con todas”, realizado no 2019 pola propia ONG en El Salvador, e que trata en detalle as reivindicacións das mulleres e dos colectivos feministas no país salvadoreño contra a penalización do aborto, ademais de  recoller testemuñas de protagonistas que pasaron polo cárcere ou que cumpren penas por este motivo. “A mirada e o pronunciamento externo son importantes para que os gobernos entendan que isto ten que cambiar”, apuntou a activista. Por outra banda, instou os representantes políticos a apoiar aos movementos sociais e feministas en momentos chave, como futuras sentencias xudiciais relacionadas coa penalización do aborto.

As concelleiras e concelleiros agradecen a labor de Morena Herrera

Os grupos políticos asistentes agradeceron a visita de Morena Herrera e a súa labor e traxectoria pola loita polos Dereitos Humanos e da muller. Estiveron presentes na reunión,  de menor a maior representación na Corporación Municipal, Quique Costas, de Ames Novo; Genma Otero e Vanessa Vidal, de Contigo Podemos; Natividade González e Escarlata Pampín, do BNG, e Blas García, Luísa Feijóo, Víctor Fernández, Ana Paz e Beatriz Martínez, do PSdeG-PSOE. O alcalde, Blas García, fixo entrega a Herrera dunha bolsa de obsequios con libros e unha mostra de artesanía local. Asemade, Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Igualdade, obsequiou á activista con material promocional das campañas de Igualdade do Concello de Ames.

Na quenda de palabra dos concelleiros e concelleiras, Quique Costas, de Ames Novo, destacou o “deber de solidariedade activa” que teñen os representantes políticos coas reivindicacións sociais a nivel global. “Estou impresionado e conmovido. Son testemuñas  que conmoven no máis profundo a calquera que teñamos conviccións igualitarias, de xustiza e de dereitos humanos. Desgraciadamente, en sociedades como a nosa non evitamos ver o que acontece no mundo a través dos ollos de Europa. É importante trasladar estas realidades para facer consciente á nosa propia cidadanía do que acontece noutros países, como El Salvador”.

Pola súa banda, Genma Otero, de Contigo Podemos, agradeceu a “labor encomiable” que realiza Herrera e outras activistas en situacións de risco persoal. “Grazas pola labor encomiable que realizades, que é máis que necesaria. Dende as institucións estamos traballando pola defensa da muller e dos seus dereitos, mais si é certo que a vosa labor é moito máis encomiable polas circunstancias que vivides, pola presión, que ata moitas veces poñedes en perigo a vosa propia vida”.

Natividade González, do Bloque Nacionalista Galego, quixo dar folgos a Herrera para continuar a dar pasos “pequenos pero firmes”. “Súmome aos agradecementos das miñas compañeiras e creo que estades a realizar unha labor magnífica. Moita forza para ti e para outras mulleres, moita valentía e desexo que consigades todos os obxectivos que vos estades marcando, porque me consta que os pasos que estades a dar son pequenos pero firmes”.

Luísa Feijóo, do PSdeG-PSOE, congratulou a Herrera e as súas compañeiras por unha loita pola igualdade real, na que “gañaremos todos e todas”. “Quero felicitarvos de novo polo gran traballo que estades a realizar polos dereitos das mulleres, unha loita non só vosa, senón que é de todas e de todo o planeta, porque cando alcancemos a igualdade real non gañará unha parte, senón que ao final gañaremos todos e todas. Aínda que o terreo lexislativo do noso país indique que todos e todas somos iguais, a realidade móstranos que temos moito que traballar aínda para alcanzar a igualdade real”.

Por último, o alcalde e concelleiro do PSdeG-PSOE, Blas García, agradeceu o traballo e a traxectoria da activista salvadoreña, e recordou que “queda aínda moito camiño por percorrer” en materia de igualdade. “A situación que compartistes é triste e dramática, sobre todo o tema dos suicidios de nenas e adolescentes por chegar a unha situación de embarazo. Grazas polo traballo que fas e que fixeches ao longo da túa traxectoria, de loita polos Dereitos Humanos e da muller. Dende aquí temos unha sensación de que todo acontece con normalidade, e nós, que aquí traballamos para que a igualdade sexa real, témonos que decatar que en moitos lugares queda aínda moito camiño por percorrer”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Arroupan a Morena Herrera, valedora das salvadoreñas"

A Corporación Municipal de Ames recibe a activista salvadoreña Morena Herrera

Multimedia

  • A Corporación Municipal de Ames recibe a activista salvadoreña Morena Herrera
  • A Corporación Municipal de Ames recibe a activista salvadoreña Morena Herrera
  • A Corporación Municipal de Ames recibe a activista salvadoreña Morena Herrera
  • A Corporación Municipal de Ames recibe a activista salvadoreña Morena Herrera
  • A Corporación Municipal de Ames recibe a activista salvadoreña Morena Herrera