- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobara o pasado mes de agosto a adxudicación de dous proxectos, incluídos no POS Adicional 1/2019, por valor de 139.164,35 euros que recollían as obras de pavimentación da estrada que une os lugares de Tarrío, en Bugallido, e Raíces en Biduído; e a pavimentación dos viarios interiores do núcleo de Raíces, na parroquia de Biduído. O primeiro proxecto fora adxudicado á empresa Construcciones J. Mauri e Hijos SL, por un importe de 64.744,35 euros. O segundo concedeuselle á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL), por un importe de 74.420 euros. A mellora da estrada de Tarrío a raíces xa está rematada e foi visitadas polo alcalde, José Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos, Blas García, e do concelleiro do Rural, Manuel Lens. A pavimentación da mellora dos interiores de Raíces comenzará a principios deste ano.
A obra da mellora da estrada que une os lugares de Tarrío, na parroquia de Bugallido, e Raíces, na parroquia de Biduído rematou fai uns días. Esta obra foi realizada pola empresa Construcciones J. Mauri e Hijos SL, por un importe de 64.744,35 euros, e executouse a pavimentación dunha estrada que sirve de vía de comunicación entre dúas parroquias, ademais de contruír varios tramos de senda na entrada por Raíces que facilita a accesibilidade e seguridade peonil. Actuouse nun camiño cunha lonxitude total de 835 metros e dividido en cinco treitos de 400x4,00; 110x9,00; 90x5,00; 50x4,00 e 185x4,00 metros. Mellorouse así a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Tamén se pavimentou un sobreancho de 30x20,00 metros, con dez centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previo acondicionamento, nivelación e rasanteo da explanación. Completouse a obra coa execución de 286 metros (190 e 96 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizou tubaxe de PVC de 315 mm. de diámetro e executáronse 7 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado da mesma. Aproveitouse ademais para mellorar a parte dianteira do local social de Tarrío botándolle zahorra compactada con cemento.
Obras no interior de Raíces para as primeiras semanas do ano
O proxecto de pavimentación dos viarios interiores do núcleo de Raíces, na parroquia de Biduído, adxudicado á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL), por un importe de 74.420 euros. vai a mellorar a capa de rodaxe de catro viarios de 80x4,00; 120x8,00; 700x5,00 e 400x5,00 metros, con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma. E repararanse as fochancas perfilando os mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Tamén se van a executar 120 metros (80 e 40 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizou tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro; e 5 arquetas con sumidoiro, para recollida de augas pluviais, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado da mesma. Completarán a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
Estas obras darán comezo nas primeiras semanas do novo ano, cando as condicións climatolóxicas o permitan.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, manifesta a súa satisfacción pola realización destas obras e "polo importante investimento que se está a realizar no rural de Ames", destacando que "durante o pasado ano se investiron máis de 2 millóns de euros en realización de obras que benefician ao rural amesán"
O alcalde de Ames, José Miñones, que tamén visitou as obras manifestou que "pódese comprobar con feitos a aposta deste Goberno por mellorar os núcleos do noso concello, porque iso sabemos que beneficia a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas", e sigue dicindo que "temos un plan moi ambicioso para o vindeiro ano, no que faremos un esforzo inversor moi importante para que tanto o rural, como o urbano amesá pegue un cambio moi destacable".
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Melloran a estrada que une Tarrío e Raíces e viais de Biduído de Abaixo"