- Tematica
A programación de actividades para o público infantil de Ames continúa en outubro co espectáculo de danza Mimesis, da compañía Zig Zag Teatro. Trátase dun espectáculo dirixido ás familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos, no que se construirá un espazo para ser habitado e compartido polos intérpretes e as persoas asistentes. Será o vindeiro venres 7 de outubro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Mimesis” é unha produción internacional realizada entre España e Alemaña, que parte da honestidade e o respecto para preservar a capacidade de desenvolvemento creativo dos públicos máis pequenos. Deste xeito, o espectáculo concíbese como un ritual escénico iniciático para a primeira infancia e as súas familias, que constrúe un ecosistema escénico para que sexa habitado e compartido por intérpretes e familias participantes.
Zig Zag Danza é unha compañía de danza asturiana, con sede en Xixón, que dende o ano 2000 defende un proxecto innovador e artesanal que aposta pola excelencia artística, colocando no centro da creación aos máis novos espectadores e o seu desenvolvemento cognitivo. Dirixida pola coreógrafa Estrella García, a compañía conta cunha vintena de producións e coproducións, dirixidas tanto a público infantil como adulto.
A proposta, da que se poderá gozar de balde o vindeiro venres 7 no Milladoiro, forma parte do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte, promovido polas asociacións Escena Galega, EscenAsturias, Acepae e Eskena co fin de mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicos da produción escénica galega, asturiana, cántabra, vasca e navarra.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "‘Mímesis’ trae a danza á vila amesá o día sete"
AMSGO!: "O espectáculo de danza Mímesis chega o venres ao Milladoiro"