Solapas principales

A Deputación e o Concello de Ames colaboran nas obras de recuperación da Ponte Cabirta

Viernes, 17 de julio de 2020

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción do Patrimonio Histórico do Concello de Ames, David Santomil, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras de rehabilitación da Ponte Cabirta, no concello amesán. Previamente, o pasado 26 de xuño aprobouse dito convenio no Pleno da Deputación da Coruña.

A obra conta cun orzamento total de 36.000 euros, dos que 27.000 euros serán investidos pola Deputación e 9.000 euros  polo Concello. O proxecto permitirá protexer e consolidar a calzada e o arco desta ponte sobre o río Sar, na parroquia de Bugallido. Contémplase a rehabilitación do paso peonil, a consolidación da obra de fábrica sen alterar a xeometría actual e a repararación do lousado das ribeiras.

Nas zonas que conten con lousado danado, procederase á recuperación das pedras para a súa nova montaxe. Para dificultar o crecemento de plantas neste punto empregarase zahorra estabilizada con cal hidráulica.

A actuación contará tamén con tarefas de desbroce en ambas marxes, nunha franxa de 6 metros a cada lado do camiño. Á súa vez, proxectarase a instalación de dous canos para facilitar a conservación do camiño, que agora formará parte dunha ruta de sendeirismo. Un contará con 30 centímetros de diámetro para a drenaxe transversal de augas de escorrentía, e outro con 60 centímetros para cruzar a canle existente. Tamén se construirán dous badéns de pedra coa mesma finalidade.

A construción do novo paso adaptarase ao réxime hidrolóxico, reducindo ao mínimo o impacto na sección natural neste tramo do río. O material escollido para a pasarela será de aceiro corten. A estrutura contará cunha varanda de tubo de 30 milímetros de diámetro na rocha para indicar a dirección de tránsito na zona dereita da pasarela, que contará con dous chanzos.

A obra suporá tamén a instalación de dous bolardos de sección cadrada para soportar os impactos das arbores que poida arrastrar o río nas crecidas e a colocación de sinalización que indique a necesidade de precaución no novo paso.

Imaxe da sinatura do convenio para realizar as obras de recuperación da Ponte Cabirta

Multimedia

  • Imaxe da sinatura do convenio para realizar as obras de recuperación da Ponte Cabirta
  • Imaxe da Ponte Cabirta