Solapas principales

Desconvócase a sesión extraordinaria do pleno convocada para este xoves 17 de decembro de 2020

Miércoles, 16 de diciembre de 2020

Esta mañá acordouse desconvocar a sesión extraordinaria do pleno convocado para este xoves 17 de decembro de 2020, ás 20.30 horas. A sesión convocouse á petición dos concelleiros/as do grupo municipal popular co fin de adoptar medidas económicas e sociais en defensa dos afectados pola COVID-19. A desconvocatoria prodúcese tamén ante a petición dos concelleiros/as do grupo municipal popular para que dito pleno se celebre con idéntica exposición de motivos e orde do día, unha vez completado o correspondente expediente administrativo e emitidos os correspondentes informes preceptivos.

O grupo municipal popular mediante escrito, presentado por rexistro o 1 de decembro de 2020, solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario co fin de adoptar medidas económicas e sociais en defensa dos afectados pola COVID-19. A vista da solicitude por parte da Alcaldía ditouse unha providencia o 2 de decembro de 2020, na que se sinala que á vista do elevado número de asuntos propostos para a orde do día, así como a complexidade dos mesmos, que as responsables dos servizos de Tesourería, Intervención e Secretaría emitiran informe sobre a posibilidade de conformar e ter preparados os expedientes para a data límite de celebración do pleno extraordinario solicitado que, como máis tardar tería que celebrarse o 23 de decembro de 2020.

As responsables dos tres servizos indicados anteriormente emitiron un informe conxunto o 3 de decembro de 2020 no que tras efectuar diversas consideracións conclúen que “tendo en conta que o pleno extraordinario ten que ser convocado incluíndo a totalidade dos asuntos propostos polos solicitantes, e dado o elevado número de asuntos e a súa complexidade, resulta materialmente imposible para as informantes confeccionar os expedientes administrativos cos seus informes preceptivos, que en varios casos precisan informes doutros servizos, coa antelación necesaria para cumprir os prazos de convocatoria do pleno solicitado”. Tendo en conta iso indican que aínda así non é impedimento a celebración do pleno e o seu debate político.

Posteriormente, o 7 de decembro de 2020 celébrase unha Xunta de Voceiros na que se fai entrega aos participantes do informe elaborado de xeito conxunto por parte de Secretaría, Intervención e Tesourería. Tendo en conta dito informe o alcalde expón a existencia de dúas opcións. A primeira que o pleno extraordinario sexa convocado tal e como foi solicitado e se debatan todos os asuntos propostos, pero non se sometan a votación, porque non estarían conformados os correspondentes expedientes administrativos por falta de tempo material para a emisión dos informes preceptivos. A segunda opción exposta foi que o grupo propoñente modifique a orde do día engadindo que o que se someterá a debate e votación é o inicio do expediente correspondente a cada punto da orde do día.

Tres días despois, o 10 de decembro de 2020, os integrantes do grupo municipal popular presentan por rexistro un escrito no que se expón que “ante a imposibilidade material, segundo os servizos técnicos municipais, de ter a documentación preparada para que sexa debatido e votado no pleno convocado por parte do señor alcalde da Corporación en data previa ao 18 de decembro de 2020, este sexa convocado de xeito automático o vindeiro día 12 de xaneiro de 2021, as 12:00 horas”.

Porén, dende os servizos técnicos municipais indícase que a previsión de convocatoria automática do pleno ten lugar, tal e como di o artigo 46.2 da LRBRL, cando o alcalde non convoca o pleno extraordinario solicitado polos/as concelleiros/as. Trátase dunha previsión legal de convocatoria ope legis que ten lugar cando o alcalde non cumpre coa obriga de convocatoria, o cal non acontece neste caso, xa que o alcalde tiña a firme intención de convocar o pleno solicitado.

Dado que os solicitantes non modificaron a orde do día, nos termos expostos na Xunta de Voceiros do 7 de decembro de 2020 para posibilitar votación, o pleno convocouse tal e como foi solicitado para o xoves día 17 de decembro de 2020, mediante decreto 3143/2020, do 11 de decembro.

Por último, o 15 de decembro de 2020 os concelleiros/as do grupo municipal popular solicitaron por rexistro a desconvocatoria do pleno extraordinario convocado para o xoves 17 de decembro de 2020 e solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario con idéntica exposición de motivos e orde do día, unha vez completado o correspondente expediente administrativo e emitidos os correspondentes informes preceptivos.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El debate sobre la rebaja fiscal de Ames propuesto por el PP se pospone a la espera de datos técnicos"

Imaxe do salón de plenos