- Tematica
O sábado 29 e o domingo 30 de xaneiro disputáronse en Padrón os campionatos provinciais de xadrez por idades, celebrándose o sábado as competicións sub12 e sub14 e o domingo as sub8 e sub10. Dez rapaces e rapazas representaron á Escola Ames Xadrez nas diferentes categorías.
As rapazas e rapaces que participaron como parte da Escola Ames Xadrez nos torneos provinciais foron Marta, Ángel e Óliver, na categoría sub8; Sergio Munín, Sergio Calvo e Unai Casares, na sub10; estes dous últimos tamén na categoría sub12, xunto a Arán e Hugo, e na categoría sub14, Pedro e Noel. Ademais, tamén participou na sub12 Nico, do Val do Dubra, que adestra na escola municipal de Bertamiráns.
Na categoría sub8, a dos nenos e nenas máis novas, Marta, Ángel e Óliver conseguiron sumar a metade dos puntos en liza. Na sub10, Sergio Calvo conseguiu 6 dos 7 puntos en xogo, rematando en segunda posición; Unai quedou sétimo, con 4,5 puntos, mentres que Sergio Munín conseguiu 2 puntos.
Sergio Calvo repetiu resultado e posición na categoría sub12, quedando segundo con 6 puntos. Pola súa banda, Nico, do Val do Dubra, pechou o podio con 5,5 puntos. Arán rematou noveno, con 4 puntos, Unai conseguiu 3 puntos, e Hugo, 1.
Finalmente, na categoría de maior idade, a sub14, Pedro e Noel conseguiron 5 dos 7 puntos cada un, rematando en segunda e terceira posición, respectivamente. Nesta franxa de idade participou tamén Roi, do club Millarengo, que conseguiu 3,5 puntos.