Solapas principales

Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns

Jueves, 27 de junio de 2024

Hoxe, xoves 27 de xuño, o Pazo da Peregrina acolleu a sesión de clausura do Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento”, que se desenvolveu en Bertamiráns do 3 ao 27 de xuño. Dez persoas de nacionalidades e orixes diversas participaron no taller, no que puideron aprender máis sobre a lingua e a cultura galega. O obradoiro, no que colaboran as concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, rematou coa entrega duns diplomas e con palabras de agradecemento mutuas e en galego. Xa está aberto o prazo de inscrición para este mesmo obradoiro, pero para a quenda que se vai impartir do 1 ao 24 de outubro na Casa da Cultura do Milladoiro.

Un ano máis impartiuse o obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!” co obxectivo de achegar a lingua e a cultura galega á veciñanza amesá procedente de fóra de Galicia. Esta mañá o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e mais a concelleira de Benestar Social, Uxía García, achegáronse ata o Pazo da Peregrina para falar coas persoas que participaron nesta primeira quenda do obradoiro e para entregarlles o correspondente diploma. Neste acto de clausura tamén participou o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Raquel Barbeito, e mais o técnico do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes, Leonardo Pena.

A iniciativa, que se desenvolve coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, acadou este ano a súa décimo sexta edición. Trátase dun taller dirixido fundamentalmente a persoas chegadas de fóra de Galicia, no que poden participar todos a cidadanía interesada en achegarse á lingua e á cultura galega.

A primeira quenda do dito obradoiro impartiuse nunha das salas do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, entre o 3 e mailo 27 de xuño. As clases impartíronse os luns, martes, mércores e xoves, en horario de 9.30 a 11.30 horas. Foron 16 sesións impartidas polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística de Ames. O curso foi eminentemente práctico e participativo e tivo unha duración de 32 horas.

Nesta ocasión, entre o alumnado había persoas orixinarias de Venezuela, Puerto Rico, Arxentina e Colombia. A maior parte dos participantes chegaron recentemente ao concello e ven a lingua galega como un vehículo de cohesión e de integración social. Así mesmo, moitos deles ven este obradoiro como unha oportunidade para atreverse a dar ese primeiro paso para comezar a falar galego e achegarse a cultura de Galicia.

Achegamento á lingua galega
Dende o Servizo de Normalización Lingüística animaron aos participantes do obradoiro a que continúen xuntándose un día á semana nas instalacións do Pazo da Peregrina para seguir falando galego. “Podedes seguir contando co persoal do Servizo de Normalización Lingüística para o que precisedes. Este é un primeiro paso para botarse a andar e a partir de aquí podedes seguir instalándovos na lingua dun xeito natural ou acceder a outro tipo de ofertas formativas.

O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, agradeceu o esforzo das persoas participantes neste obradoiro “porque levades pouco tempo en Galicia e xa estades falando en galego e interesándovos pola nosa cultura, algo que é moi importante para poder integrarvos en Ames e en Galicia. Dar o paso de atreverse a falar galego é importante, por iso quero agradecervos o interese mostrado polo noso idioma”.

O alumnado do obradoiro agradeceu “a oportunidade para achegarnos á lingua galega porque levamos un tempo en Ames e escoitamos e entendemos o galego, pero non nos atreviamos a falalo. Con este obradoiro demos o paso de comezar a falar galego. Queremos implicarnos para coñecer e aprender máis da cultura de aquí”.

Por último, a técnica do SNL, Rosa Moreiras, indica que “o que se intenta crear é un espazo de comodidade, un espazo seguro para a lingua, no que se deixe a vergoña fóra. Pretendemos que os obradoiros sirvan de achegamento á lingua e á cultura. O galego é un potente elemento de cohesión entre toda a enriquecedora diversidade que configura o Concello de Ames”.

Obradoiro de acollemento lingüístico no Milladoiro
No Milladoiro, este mesmo obradoiro desenvolverase do 1 ao 24 de outubro, na Casa da Cultura, das 9:30 ás 11:30 horas. Ao remate das sesións tamén se entregará un diploma de asistencia. O curso está dirixido principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia, pero tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galega.

As persoas interesadas no obradoiro de lingua e cultura, “En galego, co teu acento!” que se vai impartir no Milladoiro poden inscribirse de balde. As inscricións formalizaranse entre as 9.00 e as 14.00 horas no Servizo de Normalización Lingüística municipal, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes situada nas Oficinas Xerais do Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10). Quen non poida achegarse de xeito presencial, pode inscribirse chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.

Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns

Multimedia

  • Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns
  • Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns
  • Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns
  • Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns
  • Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns
  • Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns
  • Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns
  • Dez persoas de diversas nacionalidades participaron no obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns