- Tematica
Co gallo do Día da Muller, o alumnado da EMMA gravou un vídeo interpretando a canción de Rozalén, “A porta violeta”, que fala da loita a prol da igualdade e dos dereitos das mulleres. A conmemoración do 8M terá o seu punto álxido en Ames, hoxe a partir das 18:30. A esa hora, na praza do Concello, lerase o tradicional Manifesto que este ano asinan todos os grupos políticos que compoñen a Corporación Municipal. Despois, na praza de A Maía, diante do monólito de Filomena Fraga, presentarase o roteiro 8M. Seguidamente a Plataforma Feminista de Ames fará unha concentración. Cómpre salientar que este ano, para evitar a propagación da COVD19, no canto de cantar e berrar consignas, farase ruído. A Plataforma convida á cidadanía a participar na concentración e a levar instrumentos, carracas, cazos ou calquera cousa que axude a crear balbordo. Cómpre salientar tamén que, por mor das recomendacións hixiénico sanitarias, adíase a inauguración do roteiro 8M que estaba prevista para o sábado 13. Non obstante, as fichas coa biografía das Mulleres Magníficas e máis as postais están a ser reclamadas polos centros educativas e polo monitorado do Comedores Escolares para traballar coa rapazada.
Coma todos os anos, o 8M, tamén ten o seu reflexo nas aulas e nas rúas de Ames. Porén este ano, ábrese unha terceira fiestra, a cibernética, e non o fai só para apoiar e dar conta das outras iniciativas. A celebración dixital é en moitos casos, o xeito máis acaido de conmemorar un Día da Muller no que a prudencia e as normas de seguridade para evitar a propagación do virus prima por riba de calquera outra cousa. Así o decidiron en varios colexios do municipio e tamén na Escola Municipal de Música, onde un vídeo coa canción de Rozalén “A porta Violeta”, gravado polos alumnos e alumnas de canto, saxo e frauta, serve como imaxe virtual de conmemoración.
“As normas da COVID19, ditan que o alumnado de canto, saxo e frauta, continúe confinado na casa recibindo as clases on line. Foi con eles con quen decidimos facer este traballo, un pouco tamén para premiarlles o esforzo e o sacrificio que están facendo, porque non é o mesmo ir a Escola, estar cos amigos, estudar en directo, que facelo todo a través da rede”, manifesta a directora da EMMA, Patricia Cadaveira. Foi precisamente Patricia quen se encargou dos arranxos do tema, mentres a profesora de Canto, Pilar Martínez, facía a versión galega da letra. O vídeo, que se difunde a través das redes sociais do Concello, está a ter un importante número de visitas.
Acto conmemorativo do Día da Muller
Por outra banda, hoxe ás 18:30 horas, na praza do Concello terá lugar o acto de conmemoración do Día da Muller en Ames. Marcaranse os espazos e manteranse todas as medidas de seguridade que impón a loita contra a pandemia. Coma todos os anos, lerase o Manifesto Institucional que nesta ocasión firman todos os grupos políticos que teñen representación na Corporación municipal. Após da lectura, a celebración continuará na praza da Maía, onde se descubrirá o monólito que se dedica á escritora e veciña de Ames, Filomena Fraga e se presentará ao público a ruta 8M.
Adíase a inauguración do roteiro 8M
Esta ruta íase inaugurar oficialmente cunha andaina o vindeiro sábado, día 13. As circunstancias epidemiolóxicas manteñen que as camiñadas só se fagan con catro persoas xuntas, polo que a Concellaría de Benestar e Igualdade, responsable dos actos do 8M, decidiu adiala para máis adiante. Namentres, son xa moitos os veciños e veciñas de Ames que están estes días a visitar pola súa conta os monólitos e a facerse fotos con eles de fondo. Ademais, desde varios colexios e desde o servizo de monitoraxe dos Comedores Escolares están a reclamar as fichas coa biografía das Mulleres Magníficas e mailas postais para traballar as súas biografías coa rapazada.