Solapas principales

Dous novos encontros literarios en abril polo mes do libro, con autores e autoras veciñas de Ames

Martes, 05 de abril de 2022

As bibliotecas amesás organizan polo mes do libro dous “Encontros Literarios en Ames”, protagonizados por ata catro autoras e autores residentes no concello. Este mesmo xoves 7, Charo Pita e Carlos Labraña pasaranse ás 20:00 horas polo Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, mentres que o día 21 será a quenda de Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar, á mesma hora e na mesma localización habituais. A entrada será libre ata completar aforo.

O departamento de Bibliotecas de Ames comeza este xoves 7 as súas propostas de animación á lectura para o público adulto deste mes do libro, cun encontro literario con Charo Pita e Carlos Labraña. Esta programación especial en abril inclúe outro evento deste tipo o día 21, con Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar, así como outras actividades para as persoas adultas, como o sorteo de ata 800 euros en vales para varias librarías amesás, ou unha sesión de contacontos coa propia Charo Pita o Día do Libro, o sábado 23 de abril.

Os dous autores convidados a este encontro literario veñen a presentar os seus traballos máis recentes, publicados ao longo de 2021. Charo Pita vén de publicar coa editorial Galaxia “Andar aos biosbardos”, unha compilación de contos, mentres que Carlos Labraña continuou con “Contra o reloxo” a súa ampla obra na literatura dramática infantil e xuvenil.

Charo Pita (A Coruña, 1966) é unha escritora, actriz e contacontos galega, que conta cun amplo repertorio de traballos e publicacións no eido da literatura infantil en galego. Deste xeito, e aínda que no seu traballo como narradora ten unha gran presenza o conto infantil, tamén abrangue outras áreas como o relato erótico, o de terror ou as montaxes musicais. Algúns dos seus libros inclúen “Igor”, “O arco da vella”, “A rúa da tixola”, ou “Andar aos biosbardos”.

Carlos Labraña (Cedeira, 1969) é un dramaturgo galego cunha extensa e recoñecida obra no teatro infantil e xuvenil. Arquitecto técnico de profesión, Labraña suma no seu palmarés dous premios da Mostra de Teatro Xeración Nós, por “O segredo de Daniel” (1988) e “A Escada” (1994), dous premios Estornela de teatro por “Teatro de xoguete” (2010) e “A pequena compañía” (2014), e tres certames consecutivos, do 2013 ao 2015, do Concurso de Teatro “O Facho”. A súa última obra, “Contra o reloxo”, foi publicada en 2021 pola editorial Galaxia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Novo Encontro Literario con Pita e Labraña en Bertamiráns"

Lindeiros: "Encontros literarios en Ames con autores do concello"

Dous novos encontros literarios en abril polo mes do libro, con autores e autoras veciñas de Ames

Multimedia

  • Dous novos encontros literarios en abril polo mes do libro, con autores e autoras veciñas de Ames
  • Dous novos encontros literarios en abril polo mes do libro, con autores e autoras veciñas de Ames