Solapas principales

Dous ouros para cada un dos irmáns Blanco no XX Trofeo Internacional Cidade de Ourense de kickboxing

Miércoles, 22 de junio de 2022

Paula e Manuel Blanco Prol, veciños de Ortoño, continúan a súa tempada de campionatos e competicións de kickboxing, acumulando novos éxitos. O pasado sábado 4 de xuño competiron no XX Trofeo Internacional de kickboxing Cidade de Ourense, que se disputou no pavillón municipal de Oira, na cidade ourensá. Alí os dous irmáns subíronse ao máis alto de podio por partida dobre, gañando ambos os dous nas súas categorías de peso e idade en “pointfighting” e “light contact”.

Os irmáns Blanco Prol proseguen coa súa preparación previa aos campionatos de España de kickboxing, que se celebrarán do 30 de xuño ao 3 de xullo en Córdoba, e nos que ambos participarán. Neste senso veñen de participar na vixésima edición do Trofeo Internacional Cidade de Ourense de kickboxing, que se celebrou o pasado sábado 4 de xuño.

No torneo, disputado no pavillón municipal de Oira, Paula Blanco continuou cos seus bos resultados na modalidade sénior e na súa categoría de peso, os -60kg. Deste xeito, conseguiu dous ouros, tanto en “pointfighting” como na proba de “light contact”. Nestas mesmas modalidades e pesos, a maior dos Blanco Prol conseguira dúas pratas na súa anterior competición, o I Open de Illescas.

Pola súa banda, Manuel Blanco, o seu irmán pequeno, calcou os seus resultados na súa respectiva categoría, subíndose ao alto do podio en “pointfighting” e “light contact”, en categoría cadete menor de -32kg. Tamén na súa anterior parada no I Open de Illescas, Manuel rematara segundo en “light contact” de -32kg e gañara a proba de “pointfighting” de -37kg.

Dous ouros para cada un dos irmáns Blanco no XX Trofeo Internacional Cidade de Ourense de kickboxing

Multimedia

  • Dous ouros para cada un dos irmáns Blanco no XX Trofeo Internacional Cidade de Ourense de kickboxing