- Tematica
Os días 2 e 3 de xullo as pistas universitarias de atletismo de Elviña, na Coruña, acolleron a disputa dos campionatos galegos sub16 e sub20 individual e de combinadas ao aire libre. Neste senso, os clubs amesáns Ames Atletismo e MillaRaio sumaron sete metais nos campionatos sub16, destacando as dúas vitorias dos atletas do Ames Atletismo, Nicolás Collazo, nos 5.000 metros marcha, e María Estévez, nos 1.500 metros obstáculos, ademais das dúas pratas e dos cinco bronces conseguidas polos deportistas do MillaRaio. Ademais, o club do Milladoiro participou no campionato galego de clubs sub16, celebrado en Pereiro de Aguiar o pasado 26 de xuño, onde o seu equipo masculino obtivo a medalla de bronce.
O atletismo amesán vén de acadar unha serie de grandes resultados nos campionatos galegos sub16 e sub20 individuais e de clubs ao aire libre, celebrados nas últimas fins de semana na Coruña e en Pereiro de Aguiar, respectivamente. As dúas competicións deixaron dous novos campións galegos en Ames, así como seis metais máis e outras actuacións destacadas.
Nos campionatos galegos sub16 e sub20 individual e de combinadas, disputados os días 2 e 3 de xullo, o club Ames Atletismo conseguiu dúas vitorias nunha gran xornada para os seus atletas sub16. Os novos campións galegos do club son Nicolás Collazo, que gañou nos 5.000 metros marcha, logrando á vez a súa mellor marca persoal e a mellor marca galega da tempada en pista. A outra campioa é María Estévez, que se impuxo nos 1.500 metros obstáculos, remontando tras unha caída ao principio da proba. Ademais, Estévez logrou a súa mellor marca persoal nos 100 metros valos.
A participación do Ames Atletismo rematou coas sextas prazas de Gonzalo Aguín no lanzamento de xavelina e de Bruno García no lanzamento de martelo, no que conseguiu o seu mellor rexistro persoal. Os atletas do club preparan xa a súa próxima cita, o campionato de España sub16 ao aire libre que se celebrará en Avilés o 23 e o 24 de xullo.
Pola súa banda, o MillaRaio deu continuidade á boa actuación do atletismo amesán nesta competición, aportando dúas pratas e cinco bronces máis nas categorías sub16. Os subcampionatos foron para David Moreno, que acompañou no podio dos 5.000 metros marcha a Nicolás Collazo, do Ames Atletismo, mentres que a outra prata foi nos 4x100 metros de remudas, cun equipo integrado por Nuno Castro, Pablo Cariñena, Hugo Santos e Jorge García. Os tres bronces foron para Álex Cabo, en lanzamento de disco; Bran Liste, no lanzamento de xavelina, e Nuno Castro, nas probas combinadas (octatlón).
Ademais, do MillaRaio tamén participaron no campionato sub16 Jorge García, que rematou cuarto nos 100 metros valos; Lucas Pena, quinto nos 1.500 metros obstáculos; Álex Cabo, quinto en lanzamento de peso; Pablo Cariñena, nos 100 metros lisos e nos 300 metros; Hugo Santos, nos 600 metros; Jorge García, nos 300 metros valos; Nadir Moreira, nos 1.500 metros obstáculos e na xavelina, e Feli Lavandeira, nos 100 metros lisos e no triplo salto. Como única participación no campionato sub20, Diego Liñares finalizou cuarto nos 110 metros valos e sétimo nos 100 metros lisos.
O MillaRaio, terceiro no campionato galego de clubs sub16
A esta participación nos campionatos galegos individuais, o club do Milladoiro súmalle outro éxito acadado no campionato galego de clubs sub16, celebrado en Pereiro de Aguiar o pasado 26 de xuño. Alí, o seu equipo masculino obtivo a medalla de bronce, acompañando no podio ao RC Celta e ao SG Pontevedra.
O equipo do MillaRaio mostrou unha gran regularidade ao longo das probas, conseguindo un total de 95 puntos. Algúns dos seus resultados máis destacados foron a vitoria de Lucas Pena nos 1.000 metros, o segundo posto de Adrián Sesar nos 3.000 metros, de Ále Cabo no lanzamento de peso, ou do equipo de 4x100 de remudas. Ademais, David Moreno rematou terceiro no salto con pértega e nos 5.000 metros marcha, e Álex Cabo no lanzamento de disco.
Novas relacionadas:
AMSGO!: "Dous ouros para o Ames Atletismo e seis podios do MillaRaio nos campionatos galegos sub16"