- Tematica
Este vindeiro 1 de febreiro celebrarase en Narón a gala da oitava edición dos Premios Youtubeiras+, na que dous proxectos de Ames, o Exército Mekemeke e Konachadas, teñen a opción de levar o galardón nas categorías de canle de Youtube e canle de Tiktok respectivamente. Deste xeito, ponse en valor e visibilízase aos creadores de contido en galego nas plataformas dixitais que, na actualidade, supoñen unha vía fundamental para a difusión e normalización da lingua, en especial para as novas xeracións.
Os proxectos amesáns, o Exército Mekemeke e Konachadas, son finalistas na oitava edición dos Premios Youtubeiras+ nas categorías de canle de Youtube e canle de Tiktok respectivamente. Un logro que, ademais de recoñecer o traballo e esforzo que hai detrás de sacar adiante esta serie de creacións, pon en valor a importancia de facer e difundir na rede contidos en galego. Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado 1 de febreiro, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón.
O Exército Mekemeke (Carlos García Vieito, Lidia Veiga, Miguel Abad e Xabier Dios) participaron no espazo de Radio Cidadá de Ames Radio durante tres convocatorias, de 2021 a 2024. Trátase dun videopodcast cheo de aire fresco e moito humor no que se abordan temas de actualidade e inquedanzas que se identifican, sobre todo, coa mocidade.
Ademais, a creadora de contido en redes, Nuria Grandío López, @konachadas, participou na quinta edición do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, como integrante do xurado e tamén se encargou de presentar a Gala de entrega de premios xunto con Rodrigo Míguez Novoa, @rodrimiguez97.
Nesta oitava edición dos galardóns, superouse amplamente o número de proxectos inscritos en anos pasados. Concretamente, recibiron 89 canles de contidos en galego, 49 da plataforma de vídeo Youtube e 40 da rede social Tiktok. Unha cantidade de proxectos que confirma o bo momento e acollida dos contidos dixitais en lingua galega.
Desta volta, repartiranse 7.500 euros entre os gañadores dos Premios Youtubeiras+. Concretamente, os proxectos galardoados nas categorías de canle de Youtube e canle de Tiktok, nos que compiten as creacións amesás, recibirán 1.250 euros cada un. No resto de premios, a cantidade será de 1.000 euros.
Sobre a gala
Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro 1 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón. A gala dará comezo ás 19.00 horas e estará presentada por Javi Sánchez, mellor coñecido polo seu nome artístico Meiga-I e, ademais, haberá unha actuación musical do grupo De Ninghures e da Charanga Alxibeira. Por outra banda, os premios contarán tamén con interpretación en lingua de signos.
O xurado desta oitava edición está conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023.
As entradas para o evento son gratuítas para o público xeral e pódense conseguir no propio Pazo da Cultura de Narón, chamando ao teléfono 981 102 897, de luns a sábado, de 9.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, ou a través do correo electrónico taquilla.pazo@naron.gal.