Solapas principales

As dúas xornadas do Ames Jazz realizaranse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

Jueves, 06 de julio de 2023

Ames volve acoller un ano máis o festival de jazz, pero nesta edición trasládase ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns debido á choiva que apunta a previsión meteorolóxica para o venres pola noite e mailo sábado. A sexta edición do Ames Jazz, unha iniciativa do departamento de Cultura, desenvolverase este venres, día 7, e o sábado 8. A iniciativa engloba os concertos de Diego Alonso 5TET e de Alejandro Vargas Trío, así como a proxección dos documentais “Jazz en liberdade” e “Lady Be Good – instrumental women in jazz”. A entrada é libre e gratuíta. Premendo neste enlace podes ver fotografías da edición de 2022.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns vai ser o escenario do Ames Jazz esta fin de semana. O festival celebra a súa sexta edición repetindo formato. Por segunda vez na súa historia durará dous días, o venres 7 e o sábado 8 de xullo, e conta, ademais de cos habituais concertos, coa proxección de dous documentais que gardan relación co xénero musical.

O primeiro dos concertos programados terá lugar o venres 7, ás 22:30 horas, e correrá a cargo de Diego Alonso 5TET, un grupo de jazz liderado polo saxofonista e compositor vigués que dá nome ao mesmo. As composicións do quinteto nacen da necesidade da expresión a través da música propia do líder da formación, sendo a meirande parte creación do músico. A banda sitúase no eixo do jazz contemporáneo, partindo de diversas abordaxes rítmicas, tímbricas e estilísticas.

O quinteto, nacido no 2021 en Portugal, está formado por músicos con forte vinculación coa liña que divide Galicia e Portugal. No proxecto déixase espazo ás voces individuais, á experimentación máis contemporánea e á ponte entre músicos cunha traxectoria consolidada e voces novas do jazz. Nese sentido, Diego Alonso abre espazo á maneira de entender a música de cada un dos integrantes.

Por outra banda, xa na segunda xornada, a do día 8, actuará o trío Alejandro Vargas, ás 22:30 horas. O pianista que lle da nome ao grupo, natural de Holguín (Cuba), leva afincado en Galicia dende hai máis dunha década, tras unha longa traxectoria musical no seu país. A súa carreira está principalmente vinculada ao jazz e á música contemporánea. Chegará a Ames acompañado Pablo Sanmamed no contrabaixo e de Sergio Gonzales na batería.

Documentais para aprender máis sobre jazz
Ademais, o venres 7 de xullo proxectarase “Jazz en liberdade”, ás 20:30 horas. Dirixido polo galego Xes Chapela, o documental amosa como a vila mariñeira de Cangas se converte no epicentro da música jazz na Península Ibérica, contando non só cun dos festivais do xénero máis lonxevos do país, senón tamén con numerosos músicos de jazz. “Jazz en liberdade” obtivo o Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Ademais, na peza saen varios dos músicos que tamén estarán presentes esa noite no escenario. O director, Chapela, acudirá para manter un coloquio cos presentes.

Para a segunda noite, acompañando ao concerto do cubano Alejandro Vargas, a proposta é un documental tamén procedente do continente americano: “Lady Be Good – instrumental women in jazz”. Trátase dunha peza da directora Kay Ray, na que se amosan as complicados obstáculos aos que se tiveron que enfrontar as mulleres americanas instrumentistas de jazz entre as décadas de 1920 e 1970. Proxectarase ás 20:30 horas.

Ames acolle a sexta edición do Ames Jazz

Multimedia

  • As dúas xornadas do Ames Jazz realizaranse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns