Solapas principales

Durante o estado de alarma, como medida de seguridade, procedeuse a estimar o consumo do servizo da auga

Viernes, 28 de agosto de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Básicos, informa de que durante o estado de alarma, como medida de seguridade, a empresa concesionaria do Ciclo integral da Auga, Espina & Delfín, procedeu a estimar o consumo do servizo da auga. Unha vez levantado o estado de alarma, no mes de xuño, o persoal da empresa Espina & Delfín realizou a lectura dos contadores correspondente ao segundo trimestre de 2020. Unha vez obtida a lectura real procedeuse a regularizar a situación, e a estimación realizada estase compensando na seguinte facturación, á alza ou á baixa, segundo a diferenza entre o consumo estimado e o consumo real.

Dende o Concello de Ames lémbrase que, debido ao estado de alarma, o persoal da empresa concesionaria do Ciclo integral da Auga, Espina & Delfín, non saíu á rúa para ler os contadores, para evitar riscos innecesarios á plantilla e aos usuarios, e evitar así maiores danos entre a poboación, polo que se procedeu a estimar o consumo de auga en dito período.

Debido a iso, e como consecuencia da declaración do estado de alarma a través do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo (BOE 14 de marzo), para afrontar a emerxencia sanitaria provocada pola Covid-19, ao non ser posible a lectura real dos contadores durante o primeiro trimestre do ano 2020, aprobouse por decreto da alcaldía que a lectura dos contadores que non foran lidos antes da declaración do estado de alarma sería estimada e que a mesma se efectuaría consonte ao consumo realizado durante o mesmo período de tempo e na mesma época do ano anterior; de non existir, liquidaranse as facturacións segundo a media aritmética dos seis meses anteriores.

Naqueles casos nos que non existían datos históricos para poder obter a media á que se alude no antedito parágrafo, os consumos determináronse baseándose na media que se obtivo en función dos consumos coñecidos de períodos precedentes, de non existir ningún dato, facturouse un consumo trimestral de 18 metros cúbicos. Os consumos facturados por exceso ou defecto como consecuencia da estimación da lectura do contador de auga regularizaranse nos próximos trimestres segundo os seguintes criterios:

-Se o consumo facturado é por defecto regularizarase no próximo recibo que sexa posible efectuar unha lectura real do contador.

-Se o consumo facturado é por exceso regularizarase nos próximos recibos ata que o consumo real obtido da lectura do contador sexa maior ou igual ao xa facturado.

Regularización das facturas
Unha vez levantado o estado de alarma, no mes de xuño, o persoal da empresa Espina & Delfín realizou a lectura dos contadores correspondente ao segundo trimestre de 2020. Unha vez obtida a lectura real procedeuse a regularizar a situación, e a estimación realizada compensouse na seguinte facturación, á alza ou á baixa, segundo a diferenza entre o consumo estimado e o consumo real. Dita regularización estase facendo tendo en conta o “axuste de  estimación”, onde se reflicte a cantidade para compensar, á alza ou á baixa, segundo cada caso.

Por outra banda, lémbrase que se suspenderon todos os cortes de subministración ao comezar o estado de alarma. Dende o Concello de Ames seguiuse unha política de non cortar a subministración de auga ás persoas en situación de vulnerabilidade económica. Coa emerxencia sanitaria, estendeuse esta medida a todos os usuarios, paralizando calquera acción de reclamación de débeda ou cortes de subministración. Desta forma garántese que un ben básico como a auga chegue a todos os fogares. Nun momento en que a hixiene tamén se converteu nunha acción indispensable para previr a propagación da Covid-19.

Imaxe de arquivo de auga