- Tematica
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, e persoal municipal de dito departamento, mantiveron unha xuntanza recentemente con dous representantes dos vendedores ambulantes que instalan postos de venda no mercado de rúa de Bertamiráns. O obxectivo de dita reunión foi falar sobre o novo lugar onde se vai a desenvolver, de xeito temporal, dito “mercadiño”, xa que nas rúas onde se viña realizando non se garanten os dous metros de distancia de seguridade que hai que deixar entres os distintos postos. Ademais, acordaron que durante a segunda quincena do mes de xuño volverá a celebrarse dito mercado de rúa.
Durante as últimas semanas o Concello de Ames mantivo un contacto directo cos representantes dos vendedores ambulantes, que instalan postos de venda no mercado de rúa de Bertamiráns, para coñecer de primeira man as súas impresións de cara a volver a participar no “mercadiño”. Deste xeito, principalmente abordáronse dúas cuestións con eles como foi a nova ubicación, que se será temporal, e a data de reapertura do mercado de rúa.
Así, acordouse trasladar o mercado de rúa, que se realiza na contorna da praza do Concello (nas rúas Ameneiral e Entrerríos), para a rúa Sar que se atopa na zona próxima ao paseo fluvial. Esta é a estrada que está por detrás da escola infantil da Rede da Galiña Azul de Bertamiráns. Esta nova ubicación será temporal. Deste xeito, garántese que poidan montarse o 100% dos postos que participaban no mercado de rúa e que entre cada posto haxa unha distancia mínima de 2 metros de separación.
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “despois de manter un contacto directo cos representantes dos vendedores ambulantes que participan no mercado de rúa de Bertamiráns, tivemos unha xuntanza con eles para amosarlles onde se vai volver a realizar o mercadiño. Será de xeito temporal na rúa do Sar, na zona próxima ao paseo fluvial de Bertamiráns, porque é un lugar que permite deixar dous metros de distancia de seguridade entre os diferentes posto e porque é un lugar o suficientemente amplo para que se poidan montar todos os postos. Dende o Concelle tratamos de poñer as máximas facilidades posibles para a reapertura do mercado durante este nes de xuño”.