- Tematica
O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) vai realizar, un ano máis, o seu tradicional concerto de fin de curso. O recital terá lugar este venres, 16 de xuño, a partir das 19:00 horas. Celebrarase na praza de Chavián. Nel, os rapaces e rapazas que ao longo de todo o ano estiveron asistindo ás diversas formacións que ofrece a escola poderán mostrar todo o aprendido. En total, participarán arredor de 100 persoas.
O concerto dará comezo coa actuación da agrupación M&M, que interpretará “Kokoleoko” e “O xogo do peciño”. A continuación, L&M tocará outras tres pezas: unha samba-reggae de percusión, “Os tres porquiños” e “When the saint go marching in”.
Tras unha pequena presentación, será a quenda da agrupación de violín de iniciación, Jóvenes Águilas, conformada por quince violíns e 2 frautas. Interpretarán outras dúas pezas: “Scooby Doo” e “La Sirenita”. Pola súa banda, a agrupación de frautas tocará “Star Wars theme” e “La bella y la bestia”.
As dúas cancións escollidas polo combo dos xoves para o festival son “La senda del tiempo” e “Fly me to the moon”, que intepretarán con piano, dúas guitarras, saxo e unha voz. Por outra parte, a agrupación de guitarras tocará “Ain’t no sunshine” e “I shot the cherif”, mentres que o combo de voces, que estará acompañado por sete ukeleles, intepretará “You are the sunshine” e “Camina”.
O festival continuará coa actuación do combo de adultos, que coa agrupación L&M subirá ao escenario para interpretar “All my loving” cun piano, dúas guitarras, un baixo, dous saxos, catro voces, frauta e caixón. Deseguido, a agrupación de violíns Pesadillas de Aga tocará “I don’t want to miss a thing” e “Sweet child O’Mine”, con nove violíns, unha frauta e dous saxos. Polo seu lado, o combo de folk interpretará un popurrí de pasodobles (cun violín, dous saxos, unha guitarra, un baixo, un tambor, un bombo e un piano).
O combo de harmonía, composto por dous teclados, un baixo, unha guitarra, un saxo, un violín e unha batería, tocará a “EMMA Song”. Pola súa banda, o combo xuvenil terá ocasión de mostrar outras dúas pezas: “Never gonna give up” e “The best”, con dous teclados, dúas guitarras, baixo, batería, dous vocalistas, unha frauta, dous saxos e un violín.
Tras a despedida terán lugar outras dúas actuacións: a do combo da EMMA e a do combo de adultos. O combo da EMMA tocará “Fiesta” e “River Babylon” (con dous teclados, guitarra, baixo, batería, dous vocalistas, frauta, dous saxos e violín). Pola súa banda, o combo de adultos interpretará “Santa Lucía” e “Torn”, con teclado, guitarra, baixo, batería, caixón, tres vocalistas e saxo. O recital rematará sobre as 20:45 horas.