- Tematica
A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) vén de presentar un novo encontro coas escolas de música de Brión, Negreira e O Grove. A xuntanza terá lugar o venres 28 de abril, ás 19:00 horas, no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase da segunda edición deste encontro, que xa se celebrou o pasado ano e que acadou gran éxito entre a veciñanza amesá. No acto de presentación participaron a profesora de canto moderno e directora da EMMA, Pilar Martínez; o profesor de percusión e batería que dirixe os combos xuvenís e de adultos, Amaury Quintero; e a profesora de violín Aga Mainska.
A EMMA celebra o vindeiro venres 28 de abril o segundo encontro de escolas municipais de música, “Música na praza”. Nel, a comunidade educativa da escola musical amesá recibirá aos centros de Brión, Negreira e O Grove (que participará por primeira ocasión). Trátase da segunda ocasión na que a EMMA organiza unha xuntanza deste tipo, posto que en maio do pasado ano xa se desenvolveu unha iniciativa similar, que contou coa participación de diversos grupos musicais das escolas da contorna de Ames, entre os que estaban as escolas de Brión e Negreira.
O encontro é unha oportunidade para compartir a paixón pola música nun espazo de convivencia entre alumnado, profesorado e as familias doutros concellos. O evento foi presentado pola profesora de canto moderno e directora da EMMA, Pilar Martínez; o profesor de percusión e batería que dirixe os combos xuvenís e de adultos, Amaury Quintero; e a profesora de violín Aga Mainska, directora das agrupacións deste instrumento.
A xuntanza terá lugar no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas. Nela participarán arredor de 100 alumnos e alumnas das catro escolas. Haberá unha agrupación de violín, unha banda e combos de diferentes estilos. En total, o concerto durará arredor duns 90 minutos, e cada escola participante non excederá dos 20 minutos de actuación.
O encontro no aparcadoiro da Casa da Cultura entre escolas municipais é a proposta máis recente das organizadas pola Escola Municipal de Música de Ames neste ano 2022, despois de que durante o mes de febreiro se celebrasen audicións e dous festivais de Entroido, nos que participou alumnado de todas as disciplinas da escola.
Do mesmo xeito, a EMMA organizou durante os sábados de marzo catro obradoiros musicais, dirixidos a persoas de máis de oito anos e cunha oferta variada de xéneros e disciplinas. Os talleres incluíron propostas de batucada, música con obxectos, produción musical e teatro musical. En total participaron nas actividades máis de cincuenta persoas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Cen alumnos das escolas de música de Ames, Brión, Negreira e O Grove, en concerto o día 28"