Solapas principales

A empresa amesá de tecnoloxía, Tecalis Innovación, cédelle ao Concello unha APP para impulsar o comercio de Ames

Martes, 16 de junio de 2020

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, mantiveron unha xuntanza con Alberto Campos, director de operacións, e Berta Caro,directora de desenvolvemento corporativo e responsabilidade social corporativa de Tecalis. En dito encontro os representantes da empresa amesá, Tecalis Innovación, situada no parque empresarial Novo Milladoiro, comunicáronlle ao Concello que lle van ceder, de forma gratuíta, unha aplicación para impulsar o comercio de Ames. Trátase dunha aplicación con tecnoloxía innovadora para a xestión de citas dos clientes nos establecementos comerciais de todo o concello, evitando as colas e a exposición directa e a interacción innecesaria con outras persoas.

Alberto Campos, director de operacións, e Berta Caro, directora de desenvolvemento corporativo e responsabilidade social corporativa, ambos representantes da empresa amesá de tecnoloxía, Tecalis Innovación, achegáronse ata a Casa do Concello, para manter un encontro  co alcalde de Ames, Jose Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz.

En dita reunión, os representantes da empresa amesá trasladáronlle aos membros do goberno municipal que lle van ceder ao Concello, e xeito gratuíto, o uso dunha APP que permitirá impulsar o comercio amesá. Trátase dunha aplicación con tecnoloxía innovadora para a xestión de citas dos clientes nos establecementos comerciais de todo o concello, evitando as colas e a exposición directa e a interacción innecesaria con outras persoas nos devanditos establecementos, mediante unha plataforma que axusta e planifica os ocos na axenda das persoas coas citas que queiran xestionar nos diferentes negocios do seu interese (barbería, dentista...).

Xestión de citas en diferentes establecementos
Mediante esta plataforma, que será gratuíta para os seus usuarios/as, unha mesma persoa pode xestionar á vez diferentes citas en diferentes establecementos e negocios pertencentes ao concello de Ames (cun só rexistro ten todas as súas citas diarias, semanais e mensuais nos diferentes centros).

Ademais, poderá elixir os seus horarios de preferencia para que o establecemento lles reserve un oco nesas franxas horarias dispoñibles, e poderá bloquear horarios a outros establecementos, cando xa ten pechada outra cita noutro negocio. Isto permítelles ser atendidos dun modo individualizado na franxa horaria exacta definida, sen colas nin esperas derivadas doutros servizos a outros clientes. Esta APP permitiralle á veciñanza cumprir a normativa de seguridade ao evitar colas e esperas con outras persoas.

Maior precisión na atención á clientela
O establecemento deste xeito pode xestionar as citas cos seus clientes adaptándoas ás súas franxas horarias de dispoñibilidade, obtendo unha precisión e previsión exactas das citas cos seus clientes, previndo atrasos ou cancelacións inesperadas, así como planificar as citas con todos os seus clientes rexistrados na plataforma, para axilizar e optimizar o tempo investido, podendo centralo máis no servizo ao cliente e menos na planificación de citas. Isto convérteos en máis competitivos ao poder atender aos seus clientes nos horarios exactos definidos, achegando todas as garantías de seguridade nas distancias e calidade nos espazos.

Trátase unha tecnoloxía multiplataforma, que se adapta tanto aos usuarios avanzados en tecnoloxía como ás persoas menos acostumadas a empregar este tipo de aplicacións. Ames convértese así nun dos Concellos máis innovadores achegando a tecnoloxía máis avanzada aos seus cidadáns e establecementos comerciais para evitar as colas e as esperas.

Aposta pola innovación local
O Concello de Ames aposta así pola innovación local, con empresas punteiras e como Cidade da Ciencia e innovación. Tanto a concelleira Ana Paz, como o alcalde, José Miñones, agradecen este enorme xesto e a forte implicación da empresa Tecalis co seu concello. Nas vindeiras semanas a nova plataforma amesá será presentada aos comercios de cara a que coñezan a súa potencialidade.

O rexedor municipal destaca que "Ames aposta unha vez máis pola innovación e as súas empresas e seguiremos buscando outros apoios no eido local co obxectivo de impulsar a nosa base tecnolóxica". A medida será incluída dentro do Plan Activa Ames que se está a deseñar e que contará con medidas e axudas directas para o tecido económico do concello.

Imaxe da visita feita por Tecalis Innovación á Casa do Concello

Multimedia

  • Imaxe da visita feita por Tecalis Innovación á Casa do Concello
  • Imaxe da visita feita por Tecalis Innovación á Casa do Concello