Solapas principales

En Ames búscanse Trasnos e Trasnas para a campaña “Zocos e Trasnos 2022-2023”

Martes, 13 de diciembre de 2022

Dende a Concellaría de Benestar Social informan que este ano debido ao gran número de zocos e zocas precísase que se inscriban máis trasnos e trasnas na sétima edición da campaña “Zocos e Trasnos 2022-2023”. A través desta iniciativa preténdese que ningún neno nin nena de Ames quede sen agasallo no Nadal. A campaña artéllase en base ás cartas que a rapazada (os zocos e zocas), escribe pedindo un regalo concreto. Os veciños e as veciñas de Ames que se apunten como trasnos e trasnas actuarán como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos “puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é o encargado de organizar a campaña.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, fai un chamamento para que aquelas persoas que queiran participar en dita campaña se inscriban como trasnos e trasnas xa que este ano o número de zocos e zocas é superior a edicións anteriores. Calquera pode converterse en trasno ou trasna. A única condición é comprometerse co proxecto. Para inscribirse hai que chamar aos teléfonos 662 377 044 (Oficina de Voluntariado de Ames) ou no 683 327 378 (departamento de Educación familiar), a través do correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal ou de maneira presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A campaña conta con dous piares fundamentais. Por unha banda os zocos, que son as nenas e nenos de 0 a 12 anos, que forman parte de familias que non están atravesando un bo momento economicamente. Pola outra, os trasnos, axudantes dos Reis Magos de Oriente e motores do proxecto, que serán os encargados de “facerse” con ese agasallo e entregalos nos chamados “Puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Milladoiro e Bertamiráns.

O persoal da Oficina de Voluntariado de Ames é o que se encarga de recoller as cartas de todos os zocos aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas, serán enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada trasno a través dun código de identificación que preserva o anonimato de todas as nenas e nenos.

Agasallos que non teñan carácter bélico nin sexista
Cada trasno deberá escoller algo do solicitado na carta, que non poderá superar os 30 euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco e facelo chegar a eses Puntos Trasno. Compre salientar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico. Finalmente os agasallos serán entregados ás familias para que todos os zocos poidan desfrutar do seu agasallo no día de Reis.

Para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, esta campaña supón unha dignificación dos agasallos que se lle entregan aos nenos e nenas cuxas familias atravesan dificultades económicas. “Non se trata neste caso de ofrecer o que nos sobra ou o que xa non utilizamos senón de agasallar ao neno ou á nena con aquilo que eles elixen, o que supón un maior grao de equidade e igualdade”. A concelleira convida a toda a veciñanza a participar desta campaña que ten como obxectivo que ningún neno e ningunha nena queden no Nadal sen o agasallo que eles desexan.

“É un xeito de axudar a aquelas familias amesás que máis o necesitan ou que están pasando por un mal momento económico. Este ano necesitamos máis que nunca a axuda da veciñanza amesá porque aumentou o número de zocos e zocas. Animamos a todos os veciños e veciñas, na medida que poidan, sós, en grupo ou en familia a colaborar nesta campaña solidaria”, conclúe a concelleira de Benestar Social Luísa Feijóo.

En Ames búscanse Trasnos e Trasnas para a campaña “Zocos e Trasnos 2022-2023”

Multimedia

  • En Ames búscanse Trasnos e Trasnas para a campaña “Zocos e Trasnos 2022-2023”