- Tematica
O sábado, 27 de maio, disputouse en Lugo a cuarta xornada da liga galega. Ata alí desprazáronse seis deportistas da escola amesá de kárate Dokkodo. O alumnos do centro completaron grandes actuacións e lograron en total cinco medallas en kata e kumite.
Durante a xornada de mañá, houbo sorte dispar para os dous xuvenís que participaron na competición. Marcos caeu eliminado na primeira volta contra un rival que posteriormente acabou sendo o campión na modalidade de kata, a pesar de que chegou a disputar a repesca. En kumite tampouco puido pasar do primeiro encontro.
Pola súa banda, Raúl Rodríguez logrou superar as dúas primeiras voltas de kata e clasificarse para a repesca. Finalmente gañou o primeiro encontro e perdeu a disputa polo bronce, obtendo o quinto posto. Na modalidade de kumite gañou todos os combates ata chegar á final, na que conseguiu a medalla de prata, en xuvenil masculino >60 quilogramos.
Xa na quenda de tarde, competiron os máis cativos. Tiago Blanco, en kata benxamín, gañou o primeiro encontro e perdeu o pase á final para, finalmente, facerse coa medalla de bronce.
Xián Blanco, pola súa parte, competiu en kata alevín, completando a súa mellor actuación da tempada, e chegando a disputar a semifinal tras vencer en catro encontros, para finalmente gañar tamén a medalla de bronce. Na modalidade de kumite perdeu o primeiro encontro sen opción a repesca.
Bruno Varela (alevín masculino iniciación >34 quilogramos) e Jadel Rodríguez (alevín masculino >34 quilogramos) clasificáronse para as finais dos seus respectivos pesos, conseguindo un ouro e unha prata.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "A escola de kárate Dokkodo logra cinco medallas na cuarta xornada da liga galega"