- Tematica
A escola infantil da Madalena, situada no Milladoiro, vén de celebrar o seu vixésimo aniversario cun concerto de Nadal. A escola infantil A Madalena é de titularidade municipal e está xestionada polo Concello. Este centro de ensino ofrece servizo a nenos e nenas que teñen unha idade comprendida entre os tres meses e os tres anos. A escola ten capacidade para 94 nenos e nenas e un cadro de persoal de 21 traballadoras: unha cociñeira, catro PSX, doce educadoras, tres mestras e unha directora.
A EIM A Madalena acaba de cumprir vinte anos dende que pasou a ser un centro de ensino municipal. O 13 de decembro de 2004 a escola infantil municipal A Madalena comezou a ser xestionado pola Administración local. Dende aquela moitos pequenos e pequenas pasaron polas aulas deste centro de ensino. Para festexar este aniversario realizouse un pequeno concerto de Nadal.
A escola infantil A Madalena é de titularidade municipal e está xestionada polo Concello. Este centro de ensino ofrece servizo a nenos e nenasque teñen unha idade comprendida entre os tres meses e os tres anos. Ademais desta, existe outra escola infantil municipal en Bertamiráns, O Bosque.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, dixo que “para o Concello de Ames foi moi importante municipalizar esta escola. Na actualidade conta con preto de 100 nenos e nenas matriculados/as. Dende o Concello seguimos traballando para ofrecer un servizo de calidade. Agradecemos a gran labor que realiza todo o persoal municipal desta escola infantil e agardamos que continúen con esa enerxía que amosan no día a día no seu traballo”.
A directora, Sandra Dios, comezou na escola en decembro de 2004, no posto de educadora, e no mes de abril de 2005 comezou a exercer o posto de directora. Sandra Dios destaca “a aposta que no ano 2004 se fixo por intentar mudar a visión de gardería e pasar a ser unha escola referente en toda Galicia, sendo das primeiras en traballar con parella educativa, o que nos dá a posibilidade de ter un proxecto educativo moi ambicioso, onde se atende as necesidades do alumnado dende un punto de vista educativo, desterrando esa visión asistencial que antes se tiña das escolas”.
Tamén destacou “o proxecto de comedor educativo da escola e que está recoñecido como comedor Km0 con produtos frescos e de proximidade, con cociñeiras propias que elaboran os menús que prepara a nutricionista municipal”.
Obxectivos da escola
Os principais obxectivos que se perseguen dende este centro son estimular o desenvolvemento de todas as capacidades humanas (físicas, afectivas, intelectuais, sociais e orais) do neno/a, nos seus primeiros anos de vida sen esquecer a parte asistencial.
Para conseguir estes obxectivos desenvolvese unha serie de actividades diarias e ademais realízanse diversas actividades puntuais como poden ser a celebración do Magosto, do Samaín, do Entroido, do día das Letras Galegas ou de diversos festivais como poden ser o de Nadal ou o de fin de curso. Ademais fanse diferentes visitas didácticas polos arredores das escolas.
Dende as escolas infantís municipais mantense unha a relación continúa coas familias dos nenos e nenas que están nestes centros. Dado que que os cativos/as están a maioría das horas do día entre a familia e a escola infantil, é moi importante que exista unha estreita relación entre as dúas partes. Isto lévase a cabo a través de reunións informativas e mediante unha comunicación diaria entres os pais/nais e o persoal das escolas.