Solapas principales

A Escola Municipal de Música de Ames abre o prazo de inscrición extraordinario para o curso 2023-2024

Lunes, 04 de septiembre de 2023

Dende hoxe, luns 4, e ata o vindeiro 11 de setembro estará aberto o prazo de inscrición extraordinario da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao curso 2023-2024. A inscrición poderase realizar a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais. As clases darán comezo o 15 de setembro.

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, resalta a importancia de fomentar estas actividades pois “mediante a música pódese chegar a desenvolver a intelixencia emocional, fomentar a sociabilidade, a tolerancia, a empatía e o traballo en equipo”. García finaliza resaltando a música como “ferramenta fundamental para crear nexos sociais, reforzar o respecto e fortalecer a autoestima”.

Tras abrir un período de renovación de matrícula e de novas altas, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), fai públicas as prazas que aínda quedan libres de cara ao vindeiro curso 2023-2024. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro luns, 11 de setembro. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada en rexistro. O alumnado que obteña a praza será contactado e poderá formalizar a súa matrícula ata o 14 de setembro.

A actividade de Música e Movemento facilita que a rapazada amplíe o seu vocabulario e practique as súas destrezas motoras. Ao cantar, os nenos e nenas aprenden naturalmente ao son das letras, e as rimas espértanlles a imaxinación. Por outra banda, a materia axuda a mellorar a coordinación dinámica xeral cos ritmos musicais, afianza o desenvolvemento de determinadas capacidades, como a coordinación psicomotriz e a coordinación audio-motora, e desenvolve e amplía as posibilidades e experiencias corporais do ritmo, a coordinación e o movemento.

As clases de instrumento son individuais, de media hora á semana. Unha vez adquiridos certos coñecementos, e previa consulta co profesor, poderase participar en clases grupais dese mesmo instrumento e formar parte das distintas agrupacións musicais da escola.

Prazas dispoñibles
Nesta última quenda de inscrición, quedan libres as seguintes prazas:

MÚSICA E MOVEMENTO (nacidos no ano 2018):
Luns e mércores (en horario de 17:30 a 18:30): 7 prazas.

MÚSICA E MOVEMENTO (nacidos no ano 2019):
Luns e mércores (en horario de 18:30 a 19:30): 4 prazas.

SAXOFÓN: 1 praza.

FRAUTA TRAVESEIRA: 6 prazas.

LINGUAXE MUSICAL/MÚSICA PARA ADULTOS: estas especialidades están dirixidas principalmente a persoas que cursen unha materia instrumental ou vocal. Os horarios serán decididos pola docente tendo en conta a idade e os coñecementos dos/as alumnos/as.

Solicitude e adxudicación de prazas

As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das clases dispoñibles deben cubrir esta solicitude e entregala a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se pode facer nos rexistros municipais ou a través de calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Ao tratarse dun prazo extraordinario, as prazas adxudicaranse por orde de entrada das solicitudes. Dende a escola poñeranse en contacto coas persoas que obtiveron praza para que, nun espazo breve de tempo, confirmen o horario da especialidade instrumental, dentro dos que haxa dispoñibles.

Os alumnos/as que obteñan prazas deberán confirmala pagando o importe da matrícula. A data límite será o 14 de setembro. Para facelo, recibirán a través do seu correo electrónico unha folla de auto-liquidación, que tamén se pode recoller na oficina de recadación do Concello de Ames ou na propia oficina da Escola de Música na Casa da Cultura do Milladoiro. Unha vez pagada a matrícula, débese enviar o xustificante de pagamento ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

As clases darán comezo o 15 de setembro e seguirán o calendario escolar, de xeito que non se impartirán as materias nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa.

Cartaz das prazas libres da EMMA