Solapas principales

A Escola Municipal de Música de Ames abre un prazo de inscrición extraordinario para o curso 2024-2025

Domingo, 08 de diciembre de 2024

Desde o luns 9 de decembro, e ata o vindeiro día 3 de xaneiro, estará aberto un prazo de inscrición extraordinario da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao curso 2024-2025. A inscrición poderase realizar a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). O alumnado que obteña praza nesta convocatoria extraordinaria, comezaría as clases a semana do 8 de xaneiro de 2025. Para máis información pódese premer nesta ligazón.

A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) fai públicas as prazas que aínda quedan libres de cara ao vindeiro curso 2024-2025. As persoas interesadas poderán inscribirse do 9 de decembro ata o venres 3 de xaneiro. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada en rexistro. Darase de prazo ata o 3 de xaneiro para que os/as alumnos/as que obtiveron  praza a confirmen  pagando o importe da matrícula.

A actividade de Música e Movemento facilita que a rapazada amplíe o seu vocabulario e practique as súas destrezas motoras. Ao cantar, os nenos e nenas aprenden naturalmente ao son das letras, e as rimas espértanlles a imaxinación. Por outra banda, a materia axuda a mellorar a coordinación dinámica xeral cos ritmos musicais, afianza o desenvolvemento de determinadas capacidades, como a coordinación psicomotriz e a coordinación audio-motora, e desenvolve e amplía as posibilidades e experiencias corporais do ritmo, a coordinación e o movemento.

As clases de instrumento son individuais, de media hora á semana. Unha vez adquiridos certos coñecementos, e previa consulta co profesor, poderase participar en clases grupais dese mesmo instrumento e formar parte das distintas agrupacións musicais da escola.

Prazas dispoñibles
Nesta última quenda de inscrición, quedan libres as seguintes prazas:
-MÚSICA E MOVEMENTO: (nados no ano 2018): 6 prazas. Luns e mércores, de 17:30 a 18:30 horas.

-MÚSICA E MOVEMENTO: (nados no ano 2019/2020): 6 prazas. Luns e mércores, de 16:30 a 17:30 horas.

-VIOLÍN/VIOLA: 1 praza.

-FRAUTA TRAVESEIRA: 3 prazas.

-BATERÍA/PERCUSIÓN: 1 praza.

Solicitude e adxudicación de prazas
As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das clases dispoñibles deben de cubrir esta solicitude e entregala a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se pode facer nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns) ou a través de calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Ao tratarse dun prazo extraordinario, as prazas adxudicaranse por orde de entrada das solicitudes. Dende a Escola poñeranse en contacto coas persoas que obtiveron praza para que, nun espazo breve de tempo, confirmen o horario da especialidade instrumental, dentro dos que haxa dispoñibles.

Os alumnos/as que obteñan prazas deberán confirmala pagando o importe da matrícula. A data límite será o 3 de xaneiro. Para facelo, recibirán a través do seu correo electrónico unha folla de auto-liquidación, que tamén se pode recoller na oficina de recadación do Concello de Ames ou na propia oficina da Escola de Música na Casa da Cultura do Milladoiro. Unha vez pagada a matrícula, débese enviar o xustificante de pagamento ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

O alumnado que obteña praza nesta convocatoria extraordinaria, comezaría as clases a semana do 8 de xaneiro de 2025. As clases seguen o calendario escolar, de xeito que non se impartirán as materias nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa.

A Escola Municipal de Música de Ames abre un prazo de inscrición extraordinario para o curso 2024-2025