Solapas principales

Está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de creación de xoias naturais da Aula da Natureza

Martes, 15 de noviembre de 2022

A Aula da Natureza está desenvolvendo numerosas actividades dentro da súa programación de outono. Nesta ocasión prepárase un obradoiro de elaboración de xoias artesanais que se crearán a partir de materias atopadas no monte. Organízanse dúas sesións: unha para adultos, que terá lugar este sábado 19 de novembro, e outra para rapaces e rapazas de entre 10 e 16 anos, que será o sábado 26. Para ambas haberá servizo de autobús dende O Milladoiro e Bertamiráns. O prazo para anotarse xa está aberto, e para participar só é necesario enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

A programación do mes de novembro da Aula da Natureza continúa cun taller para aprender a elaborar xoias a partir de materiais naturais que poidan ser atopados no monte. O curso organízase en dúas xornadas: a primeira terá lugar este sábado 19 de novembro de 16:00 a 19:30 horas, e nela poderán participar adultos de todas as idades, mentres que a segunda será o día 26, de 11:00 a 14:00 horas, e está pensada para mozos e mozas de entre 10 e 16 anos.

O obradoiro impartirase da man de Malas Herbas artesanía nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda). Para chegar ata alí poñerase a disposición dos participantes un servizo de autobús en ambas xornadas, que sairá dende a Casa de Cultura do Milladoiro (ás 16:00 horas o día 19 e ás 10:30 horas o día 26) e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns (ás 16:15 horas o día 19 e ás 10:45 o día 26).

O obxectivo do taller é crear pezas inmersas en resina a partir de material recollido no monte (musgo, anacos de follas, mica...). Cada participante poderá elaborar o seu deseño, elixindo as súas propias pezas e colocándoas ao seu gusto.

Todos aqueles que estean interesados en inscribirse poden facelo ata este xoves, 17 de de novembro, no caso de acudir á actividade o sábado 19, ou ata o día 24 de novembro, no caso de acudir na quenda do sábado 26. Para anotarse é necesario descargar a ficha de inscrición que se pode atopar premendo neste enlace e enviala ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 004 665.

Éxito do obradoiro de tecidos naturais
Durante os días 12 e 13 de novembro celebrouse outra das actividades da Aula da Natureza, un obradoiro de tecidos naturais impartido por unha das integrantes do equipo de Malas Herbas artesanía. O taller, que se organizaba por vez primeira, acadou un grande éxito de participación, e serviu para poñer en valor a artesanía e o traballo e tempo que conleva a realización de pezas deste tipo.

Nesta ocasión, as persoas inscritas contaban cun tear propio, sobre o que debían construír un tapiz con distintos nós. Ao longo da primeira xornada os participantes tiveron a oportunidade de aprender a realizar triángulos con nós planos para posteriormente lograr crear nós en espiral e de soda, formando pequenas borlas, e rematar tecendo nós en diamante. Durante o día posterior remataron o tapiz e crearon nós en dobre diamante.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Taller na Aula da Natureza de Ameixenda para elaborar xoias 'orgánicas'"

Anacos de bosque é a nova actividade da Aula da Natureza

Multimedia

  • Está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de creación de xoias naturais da Aula da Natureza
  • Está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de creación de xoias naturais da Aula da Natureza
  • Está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de creación de xoias naturais da Aula da Natureza
  • Está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de creación de xoias naturais da Aula da Natureza
  • Está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de creación de xoias naturais da Aula da Natureza
  • Embedded thumbnail for