- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Normalización Lingüística, informa de que está aberto o prazo para participar na decimo sétima edición do Certame Literario de narrativa e poesía que se convoca de forma anual. Poderá concorrer neste certame calquera persoa que presente textos inéditos en lingua galega, con temática libre. Os textos poderán enviarse ata o 1 de abril de 2020 (incluído). En cada modalidade do certame, narrativa e poesía, establécense tres categorías, e en cada categoría, tres premios. En total, repartiranse 3.800 euros entre os/as gañadores/as, incrementándose a cifra en 840 euros con respecto ao ano pasado.
O Certame Literario Concello de Ames ten como obxectivo central promover a creatividade en lingua galega e está dirixido a todos os/as amantes das letras, sexa cal sexa a súa procedencia. Ao longo das súas edicións foise convertendo nun referente para os/as novos/as creadores e creadoras. Supón unha moi boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexan poñer en práctica a súa capacidade creativa. Ademais, a través desta iniciativa preténdese impulsar a creación literaria na nosa lingua e difundir a cultura propia, como un xeito de contribuír tamén á normalización lingüística e cultural.
O certame está composto por dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas está dividida en tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades.
Este ano cómpre destacar que se incrementaron os premios en 840 euros. Subiron 50 euros todos os premios, agás os primeiros da terceira categoría que subiron 40 euros. Desta maneira, na primeira categoría os premios serán de 200 euros, 170 euros e 140 euros na primeira categoría (rapaces e rapazas ata 13 anos); 230 euros, 200 euros e 170 euros na segunda (de 14 a 17 anos); e 300 euros, 260 euros e 230 euros na terceira categoría (18 anos ou máis).
O Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e a súa decisión farase pública o 11 de maio de 2020. En canto aos premios, entregaranse o 15 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais dos correspondentes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nunha antoloxía que recompilará os traballos premiados.
Os traballos poderán presentarse ata o 1 de abril
Todas as persoas que desexen participar no certame poderán enviar os traballos ata o día 1 de abril de 2020, incluído. Haberá que remitir 4 exemplares do texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. O tema é libre e cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en poesía e outro en narrativa.
É requisito imprescindible que os textos se presenten baixo pseudónimo, e que neles non aparezan datos persoais nin sinaturas, co obxectivo de garantir o anonimato do/a autora. Nos textos deberá figurar só a modalidade, ou ben narrativa ou ben poesía; a categoría na que compiten e o pseudónimo do autor ou autora.
Ficha de participación descargable na web
Será obrigatorio presentar cuberta e asinada a ficha de participación. Esta ficha recolle todos os datos persoais necesarios das persoas participantes e, se é o caso, das súas representantes legais. Deberá cubrirse, asinarse e introducirse nun sobre pechado. Este documento pode descargarse no banner do certame literario que está na cabeira da páxina web do Concello de Ames ou ao pé desta nova.
O sobre pechado coa ficha de participación dentro e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora, pero nunca o nome real.
Publicación dos traballos premiados
O Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital. No caso de que os autores ou autoras decidan publicar pola súa conta algún dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame.
As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.