Solapas principales

Está aberto o prazo para participar nos Premios Youtubeir@ 2020

Viernes, 28 de agosto de 2020

O Concello de Ames participa un ano máis no proxecto Youtubeir@s cos obxectivos de fomentar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos e de darlle visibilidade á produción en galego na rede e á comunidade youtubeira. Repartiranse un total de 7.500 euros en premios, cun incremento de 1.000 euros con respecto á pasada edición. O prazo para participar neste certame está aberto ata o 23 de outubro. Esta edición do proxecto Youtubei@s está tendo un grande éxito con numerosos vídeos que xa se presentaron ao concurso.

Esta cuarta convocatoria do proxecto Youtubeir@s organízana os servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, A Baña, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago e Teo; ademais das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña.  Con ela, preténdese seguir consolidando a comunidade creadora galega na rede mediante o fomento da creatividade con temas propios e ir xerando referentes en galego na plataforma Youtube.

Cómpre recalcar que na pasada edición houbo 252 inscricións de vídeos e canles, o que se traduciu en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados á plataforma mundial de Youtube.

Inscríbete nos premios Youtubeir@s
Nesta nova convocatoria do proxecto poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos autoproducidos subidos a Youtube. Pódese facer a través dun vídeo, varios vídeos e/ou unha canle. No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, a inscrición irá acompañada da autorización do/a pai/nai titor/a legal mediante o documento que se facilita na web do proxecto Youtubeir@s. O pazo de  inscrición nestes premios está aberto ata o 23 de outubro.

Para participar, todos os vídeos  teñen que estar publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019 na plataforma de vídeos Youtube, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros. No caso de presentar unha canle, esta ten que conter cando menos con 5 vídeos realizados con data posterior ao 27 de setembro de 2019.

Ademais, os vídeos individuais que queiran participar teñen que estar integramente en galego, igual que os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (no caso de habelos). No caso de que os vídeos conteñan subtítulos de activación opcional no Youtube, estes poden estar noutras linguas.

A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde. O prazo para a inscrición dos vídeos e canles no Premio Youtubeir@s está aberto ata o 23 de outubro de 2020 ás 23.59 horas, e as persoas participantes deberán inscribirse a través dun formulario que estará dispoñible  na web www.youtubeiras.gal.

Non existe límite de duración para os vídeos
As bases completas dos premios xa están dispoñibles para a súa consulta en https://youtubeiras.gal/Bases/. A organización recomenda miralas con calma, dado que hai unha chea de cambios con respecto ás pasadas edicións tanto nas categorías e condicións dos vídeos participantes como nos premios. Entre os cambios máis destacables están os seguintes: non haberá límite de duración para os vídeos e poderá participar calquera vídeo en lingua galega sen ter que axustarse ás antigas categorías vídeo-facermos, vídeo opinarmos ou vídeo cantarmos.

Repartiranse 7.500 euros en premios
Nesta cuarta convocatoria do proxecto establécense 12 premios: 3 principais, valorados en 1.000 euros cada un, e 9 premios de 500 euros cada un.

Entre os tres premios principais, valorados en 1.000 euros, encóntranse o premio á mellor canle e dúas novidades desta edición, o premio á/ao mellor Youtubeir@ e o premio ao mellor vídeo.

En canto aos 9 premios valorados con 500 euros cada un están o premio á calidade lingüística, o premio ao vídeo ou á canle con máis impacto (repercusión dos contidos), o  premio á calidade técnica, o premio á comunicación (á mellor transmisión da mensaxe), o premio á creatividade, o premio ao mellor vídeo ou canle musical , o premio ao mellor vídeo ou canle didácticos, o premio ao vídeo ou á canle cun contido máis pioneiro (introdución da lingua galega nun campo no que se usa pouco) e o premio do público.

A información completa pode consultarse nas bases do proxecto que se atopan ao pé desta nova. Alén disto, engadir que cada persoa participante pode recibir máis dun premio e, se o xurado así o considera, pode haber premios compartidos. Ningún dos premios quedará deserto.

O xurado valorará criterios relacionados co contido
O xurado estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, coa xeración e consumo de contidos dixitais e/ou co traballo na área de normalización da lingua.

Este valorará criterios como a creatividade, innovación e calidade dos contidos, a creación e mantemento da comunidade, a periodicidade dos contidos, a calidade técnica da peza (visual e sonora), a eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión de contido, a calidade lingüística e a repercusión do contido creado.

A listaxe de finalistas publicarase con anterioridade á data de entrega de premios, ao mesmo tempo que será anunciada na web e comunicada a cada participante.

En canto á resolución final do xurado, esta darase a coñecer nun acto de entrega de premios público e aberto, que se anunciará coa suficiente antelación e ao que se comprometen a asistir todas as persoas finalistas.

Cartel informativo sobre os Premios Youtubeir@ 2020
Descargas: 

Multimedia

  • Cartel informativo sobre os Premios Youtubeir@ 2020