Solapas principales

Estanse executando as obras de mellora das instalacións da área recreativa de Tapia nas que se invisten preto de 122.000 euros

Sábado, 10 de diciembre de 2022

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Obras e Servizos Básicos e de Deportes, está executando obras de mellora das instalacións da área recreativa de Tapia. Os traballos que se están executando son para reparar a cuberta dos vestiarios e mailo acondicionamento do muíño. As obras, incluídas no plan POS+Adicional 2/2021, foron adxudicadas á empresa COVIASTEC SL por un importe de 121.608 euros. Estas obras de mellora uniranse a outras realizadas no ano 2017 para mellorar a accesibilidade nas instalacións desta área.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, visitaron as obras que se están executando na área recreativa de Tapia para mellorar a cuberta da zona de vestiarios e mailo acondicionamento do muíño. A adxudicación deste proxecto foi aprobado o 9 de xuño en Xunta de Goberno Local á empresa COVIASTEC SL por un importe de 121.608 euros.

A cuberta dos vestiarios de Tapia atopábase en mal estado, con filtracións de auga e con deterioro da madeira que constitúe esta estrutura, polo que se levantou toda a cuberta, incluso a súa estrutura, e estase substituíndo por unha nova. No caso do muíño, carece de porta, de alumeado interior e a cuberta atopábase en mal estado de conservación, polo que ao igual que no caso dos vestiarios, vaise levantar a cuberta e substituír a estrutura da mesma por unha nova, e volver a construír a cuberta; aproveitando para colocar un punto de luz estanco no interior do muíño, e unha porta de enreixado, tipo tramex, de aceiro inoxidable.

Deste xeito, as obras que se están executando consisten en levantar as cubertas do muíño e dos vestiarios, incluso a estrutura portante e o revestimento inferior de madeira. Estase instalando unha nova estrutura de madeira laminada e un entramado de madeira para soportar os novos entaboados e as novas cubertas, de fibrocemento sen amianto de cor tella, no caso dos vestiarios e de lousa no caso do muíño. Ademais, colocarase un falso teito de lamas de madeira nos vestiarios. Tamén se colocará un punto de luz no interior do muíño, incluso liña eléctrica soterrada; e unha porta de aceiro inoxidable, tipo tramex no muíño, con pechadura.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García, sinalou que “a zona da praia fluvial de Tapia é unha das máis concorridas e visitadas do concello, por iso é necesario realizar esta actuación para mellorar a seguridade nas edificacións existentes, xa que dende a súa construción non se realizaron. Trátase de reparar a cuberta dos vestiarios e acondicionar o muíño desta área recreativa, xa que é un local de carácter lúdico utilizado principalmente na primavera e na época estival para realizar reunións e comidas de amigos e amigas”.

Por outra banda, a concelleira de Deportes tamén incide “na necesidade de executar estas obras xa que dita área recreativa acolle competicións deportivas como a Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia, que se organizou no pasado mes de agosto, e mailos cursos de iniciación ao piragüismo que tamén se imparten durante a época estival nestas instalacións”.

Mellora da accesibilidade
Estas obras súmanse a outras realizadas no ano 2017 para mellorar a accesibilidade nas instalacións desta área. Para iso recibiuse unha axuda de 27.293,62 euros por parte da Consellería de Política Social destinada á mellora da accesibilidade en edificios e espazos de uso público. Esta axuda estivo cofinanciada polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia 2014-2020.

A través das actuacións realizadas habilitáronse dúas prazas de aparcamento adaptadas ás persoas con mobilidade reducida próximas á entrada principal; executouse un acceso pavimentado en formigón que une o aparcadoiro coa piscina infantil; fíxose un vao peonil que consistiu na eliminación dun tramo de adoquíns e a posterior execución dunha rampla de formigón que facilita o tránsito entre as prazas de estacionamento adaptadas, a cantina e a piscina; adaptouse o mostrador da cantina; realizáronse actuacións nos espazos hixiénico-sanitarios (aseos e vestiarios femininos e masculinos); e executáronse actuacións nos espazos de uso común coa colocación de novo mobiliario urbano accesible.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Executan obras de mellora nas instalacións de Tapia"

As obras consisten en levantar as cubertas do muíño e dos vestiarios

Multimedia

  • Estanse executando as obras de mellora das instalacións da área recreativa de Tapia nas que se invisten preto de 122.000 euros
  • Estanse executando as obras de mellora das instalacións da área recreativa de Tapia nas que se invisten preto de 122.000 euros
  • Estanse executando as obras de mellora das instalacións da área recreativa de Tapia nas que se invisten preto de 122.000 euros