- Tematica
Dende o pasado 17 de xaneiro o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, está realizando unha recollida de datos polas empresas amesás co obxectivo de elaborar unha Guía de Empresas. Unha persoa acreditada polo Concello de Ames está visitando as empresas, profesionais e negocios do municipio co obxectivo de dispor de información actualizada de cada un deles. Esta persoa está identificada cunha credencial do Concello e cunha carta explicando en que consiste o proceso de recollida de datos. Ata o de agora recolléronse os datos de preto de 1.000 empresas do comercio e hostalaría dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Farase unha segunda quenda de recollida de datos para falar cos propietarios/as de empresas que estaban pechadas no momento en que tratou de falar con eles/as. En marzo farase a recollida de datos en negocios do rural.
A Concellaría de Promoción Económica e Comercio está traballando para elaborar unha Guía de Empresas na que, na medida do posible, se recolla a información máis fidedigna e actualizada das entidades comercias/empresarias que existen no municipio. Esta listaxe de empresas servirá tanto para que poida ser empregada pola veciñanza de Ames, para buscar posibles empresas que lles poidan interesar para que lles presten un servizo, así como para que a propia Administración local coñeza empresas que poidan participar en procesos de licitación de servizos municipais.
O traballo de recompilación de datos realizarase durante un período de tres meses. Comezou o pasado 17 de xaneiro e rematará a mediados do mes de abril. Aínda así, todas aquelas empresas, profesionais e negocios que agora non acheguen os seus datos, poderán facelo noutro momento. Trátase dun proceso de actualización aberto e continuo no tempo.
A recollida de datos está sendo realizada por unha persoa que se encarga de visitar as empresas, profesionais e negocios do concello co obxectivo de recompilar toda a información necesaria de cada establecemento comercial e entidade empresarial. Para evitar calquera tipo de suspicacia, esta persoa, pertencente a unha empresa previamente contratada polo Concello de Ames, está debidamente identificada e leva unha credencial de identificación do Concello de Ames, xunto cunha carta na que se explica en que consiste o proceso que están realizando.
Recollida de datos de preto de 1.000 empresas
Ata o de agora recolléronse os datos de preto de 1.000 empresas do comercio e hostalaría dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro (incluído o parque empresarial Novo Milladoiro). Farase unha segunda quenda de recollida de datos para falar cos propietarios/as de empresas que estaban pechadas no momento en que tratou de falar con eles/as. Houbo empresas coas que non se puido contactar ao estar pechadas por vacacións ou por estar fóra do seu horario comercial de apertura no momento da visita.
Ademais, está sendo difícil contactar con empresas que teñen a súa sede situada en edificios de vivendas e polo tanto ás que non se pode acceder. Todas as empresas coas que o Concello de Ames non se poña en contacto e queiran achegar os seus datos poden facelo a través do correo electrónico amesnarua@concellodeames.gal. Para iso teñen que cubrir o impreso de toma de datos e maila enquisa. En marzo farase a recollida de datos en negocios do rural.
A concelleira de Promoción Económica e Comercio, Ana Belén Paz, explica que “necesitamos dispor dunha listaxe actualizada dos comercios e empresas que temos en Ames. No noso concello dispoñermos de múltiples empresas de sectores moi diversos, que poden ser descoñecidas para parte da veciñanza. Por iso cremos que é necesario dispor desta Guía de Empresas, para dar a coñecer entre a cidadanía o tecido empresarial amesán. Isto redundará en beneficio da cidadanía e das propias empresas”.
Guía para o apoio do tecido empresarial amesán
Si se está interesado en formar parte desta guía recolleranse os datos necesarios a incluír, así como realízase unha enquisa anónima e voluntaria, que pulse as achegas a ter en conta na acción de goberno na implantación das actuacións de apoio ao desenvolvemento empresarial, comercial e económico do tecido empresarial amesán. Será unha Guía de Empresas dixital, que estará incluída nunha app do comercio amesá.
Os datos aportados na enquisa servirán de base para a realización dunha Guía de empresas, comercios e profesionais existentes no concello, co obxecto de dar a coñecer a consumidores e usuarios a múltiple e variada oferta de establecementos radicados en Ames, e proporcionar indicadores para a configuración dun inventario dos recursos socioeconómicos e do seu estado e evolución tendencial. Así mesmo, a recollida de información da enquisa valerá para detectar as necesidades de formación, actualización ou aplicación das novas tecnoloxías na comercialización, loxística e difusión do tecido empresarial.
Os datos de carácter persoal que se proporcionen, serán totalmente confidenciais, e estarán amparados na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, que compromete a non utilizar estes datos para fins que non sexan os estritamente necesarios para a realización do seu cometido.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Ames quiere hacer una guía de empresas y hasta el momento ya tiene datos de un millar"
El Correo Gallego: "Segue ata abril a recollida de datos para elaborar unha guía empresarial"
Enfoques: "Ames contará con una Guía de Empresas"