Solapas principales

Este luns 13 e o martes 14 de abril repartiranse mascarillas nas principais vías de saída de Bertamiráns e do Milladoiro, na entrada do polígono Novo Milladoiro e en catro paradas de autobús

Domingo, 12 de abril de 2020

O Concello de Ames informa de que este luns 13 e o martes 14 de abril, en horario de 7.00h a 9.00 horas, os membros da Agrupación de Protección Civil e mailos axentes da Policía Local e da Garda Civil repartirán mascarillas entre os/as traballadores de servizos non esenciais que este luns se reincorporan aos seus postos de traballo cuxa actividade foi suspendida o pasado 29 de marzo. O reparto farase nas principais vías de saída de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na entrada do polígono empresarial do Milladoiro. Tamén se repartirán e dúas paradas de transporte metropolitano do Milladoiro e noutras dúas de Bertamiráns.

Os corpos e forzas de seguridade, xunto coa Agrupación de Protección Civil, encargaranse de facer o reparto de mascarillas entre os/as traballadores/as que este luns, 13 de abril, se reincorporan aos seus postos de traballo. As mascarillas foron enviadas por parte do Goberno do Estado, a través da Delegación do Goberno en Galicia.
 
Deste xeito, o reparto en Ames farase este luns 13 e mailo martes 14 de abril, en horario de 7.00h a 9.00 horas. Os/as axentes da Garda Civil e da Policía Local farán o reparto nas principais vías de saída dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, entre todas aquelas persoas que acudan ao seu posto de traballo no seu vehículo particular. Tamén farán o reparto de mascarillas na vía de acceso ao polígono empresarial Novo Milladoiro.
 
Reparto de mascarillas para usuarios/as do transporte metropolitano
Por outra banda, os/as integrantes da Agrupación de Protección Civil de Ames encargaranse de repartir as mascarillas entre as persoas que teñan que acudir a traballar en transporte metropolitano.
 
Así, en Bertamiráns repartiranse mascarillas na parada de autobús que está situada na intersección da avenida da Maía coa rúa Alcalde Lorenzo (diante da xoiería Azabache) e tamén na última parada de autobús que hai na avenida da Maía dirección Santiago de Compostela (a que está en fronte ao establecemento Q`Como?).
 
No Milladoiro o reparto de mascarillas tamén se realizará en dúas paradas de autobús. Na que está situada na intersección da avenida de Rosalía de Castro coa rúa Figueiras dirección Santiago de Compostela e na última parada que hai na avenida de Rosalía de Castro dirección Santiago de Compostela, xunto antes da pasarela peonil sobre a avenida de Rosalía de Castro.
Imaxe do reparto de mascarillas